A centola volve ás lonxas pontevedresas: comeza a súa campaña de extracción
Por Redacción
A partir deste domingo, 4 de novembro, reábrese a campaña extractiva da centola nas provincias da Coruña e Pontevedra. Participan nela preto dun milleiro de barcos, dos cales máis da metade teñen a súa base nas Rías Baixas. Poderán faenar ata o próximo 31 de decembro.
Os topes de capturas serán diarios, podendo ser modificados se a situación do recurso así o require e sempre trala consulta ao sector afectado. Así, as cotas máximas de capturas quedarían establecidas en 35 quilos por embarcación máis 35 quilos por cada tripulante a bordo.
Poderán participar na campaña os titulares das embarcacións con porto base en Galicia e que teñan autorizadas no seu permiso de explotación algunha arte dirixida á centola ou algún cambio temporal de modalidade a algunha das artes autorizadas para a extracción desta especie. O horario de traballo será o establecido reglamentariamente para as artes coas que se pretenda faenar.
No caso da provincia de Lugo, segundo a Consellería do Medio Rural e Mar, a campaña de extracción comezará un mes máis tarde que nas provincias atlánticas, o día 2 de decembro e prolongarase tamén ata o 31 de decembro.