O PP pide a Lores que lidere a saída de ENCE e Elnosa da Ría e o seu traslado a outro punto da comarca
Por Redacción
O PP de Pontevedra pedirá o próximo luns 18 de novembro no Pleno da Corporación que o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, lidere a saída de Ence e Elnosa da Ría de Pontevedra. Farao a través dunha enmenda que pretende engadir á moción anunciada por BNG e PSdeG-PSOE contra "calquera posible prórroga á presenza" da pasteira e da cloreira en Lourizán.
O voceiro do grupo municipal do PP, Jacobo Moreira, sinalou este sábado nun comunicado que "quere que dunha vez por todas" o alcalde "abandone a súa tradicional posición unicamente reivindicativa" en relación coa fábrica de pasta de papel e se decida a liderar a saída da mesma da súa actual localización e o seu traslado a algún punto da comarca.
A proposta dos 'populares' recolle o rexeitamento a calquera ampliación da concesión a Ence máis alá do ano 2018 e pide que a Corporación acorde impulsar unha solución concertada con todos os axentes implicados que leve á factoría fóra da ría antes desa data e que permita "o pechamento do ciclo produtivo do papel noutra localización dentro do termo municipal de Pontevedra ou na súa comarca".
A enmenda á moción refírese tamén a Elnosa e sinala que "habería que colaborar para que, tras o seu desmantelamento no 2017, poida atopar un novo sitio nesa mesma área para seguir operando".
O alcalde sería o eixo da iniciativa. Deste xeito, o Pleno encargaríalle demandar das dúas empresas un plan industrial destinado a diminuír os efectos económicos e laborais do traslado, establecer conversas coas compañías para dar con esas localizacións próximas e respectuosas co medio, e delimitar no prazo dun ano eses terreos no Plan Xeral de Ordenación Municipal, ademais dun sitio para a depuradora dos Praceres.
Lores tería que incentivar novos proxectos empresariais que permitan pechar o ciclo produtivo do papel na comarca e presentar canto antes un plan de destino para a área de Lourizán que hoxe ocupan as instalacións fabrís, "que en calquera caso non poderá comprender o uso urbanístico especulativo como o que se lle deu á parcela de Tafisa".
Outras cuestións que recolle a iniciativa do PP son que se modifiquen as ordenanzas fiscais para garantir que a Ence e Elnosa se lles aplica a máxima carga impositiva permitida por lei e que o alcalde "mostre o seu apoio e reciba aos traballadores ante calquera posible anuncio das empresas de tramitar expedientes de regulación de emprego".
Relacionadas:
-
Ence solicita oficialmente unha prórroga para seguir en Lourizán máis alá do 2018
Por Oskar Viéitez |
-
"Nada nuevo bajo el sol" aporta, segundo Fernández Lores, o "esaxerado" informe de Ence
Por Alejandro Espiño |
-
A Plataforma 2018 fai un chamamento a manifestarse contra a consolidación do complexo industrial de Lourizán
Por Oskar Viéitez |