O galardoado barista Jaime Rodríguez Trigás impartirá un curso sobre o whisky escocés na UNED
Por Redacción
O Centro Asociado da UNED en Pontevedra acollerá este martes 26 de abril, a partir das 18:30 horas, un curso sobre "Cata e iniciación ao mundo do whisky escocés", mediante o cal os asistentes coñecerán a metodoloxía empregada para catalogar e valorar esta bebida de fama e consumo universal.
O relator será o coñecido barista e barman galego, propietario de KUBOS Lalín, Jaime Rodríguez Trigás, campión galego de cocteleiría (anos 2016 e 2017), subcampión de España de Gin Tonics (2016) e finalista do campionato Schweppes (2013).
Este curso divulgativo e formativo está incluído en dentro das moitas actividades postas en marcha polo Departamento de Extensión Universitaria que coordina Rafael Cotelo Pazos.
O curso, que ten un custo de inscrición de 75 euros por persoa, está destinado ao público en xeral, pero tamén aos entusiastas e afeccionados ao mundo dos destilados e profesionais de hostalería.
Os asistentes terán a oportunidade de mergullarse durante 3 horas no coñecemento sobre a historia e a elaboración, zonas de produción e tipos desta bebida espirituosa. Ademais terán a ocasión de poder coñecer e diferenciar os perfís aromáticos, degustar os diferentes tipos de whisky escocés de edicións limitadas cos seus diferentes anos e experimentar con novas formas de cata para valorar a historia de cada tipo de whisky.
O acceso a este curso farase por rigorosa orde de inscrición, que se deberá formalizar a través da páxina web da UNED en Pontevedra, na seguinte ligazón:
https://extension.uned.es/actividad/idactividad/26884
Relacionadas:
-
A UNED presenta os seus oito Cursos de Verán que se desenvolverán en Pontevedra, A Lama, Lalín, Portas e Vigo
Por Oskar Viéitez & Mónica Patxot |
-
Case tres mil refuxiados ucraínos aprenden castelán da man da UNED Pontevedra
Por Redacción |
-
Pazos galegos, feminismo ou psicoxeriatría serán obxecto dos próximos cursos da UNED
Por Redacción |
-
A UNED fortalece a súa actividade con cursos divulgativos e de preparación laboral
Por Redacción |