A corporación reclama un servizo ferroviario "moderno, eficiente e competitivo" no Eixo Atlántico
A do Villa de Pitanxo non foi a única declaración institucional que lograron pactar os membros da corporación pontevedresa no pleno deste xoves. Tamén o fixeron para reclamar que se resolvan as carencias do transporte ferroviario en Galicia, a pedimento da plataforma cidadá que demanda trens de proximidade en Galicia.
Tras destacar o carácter do tren como medio de transporte "seguro e sostible", a corporación esixiu que o Eixo Atlántico entre Vigo e A Coruña ofreza un servizo "moderno, eficiente, competitivo e adaptado ás necesidades" dos seus usuarios.
Entenden que a oferta actual "non atende" a estas necesidades ante a eliminación ou diminución de frecuencias "imprescindibles" que impiden atender compromisos laborais ou de estudos, ao primarse a conexión con Madrid sobre as comunicacións internas.
A este respecto, desde Pontevedra demandan unha reorganización de horarios, a reposición de todos os trens eliminados coa escusa da pandemia, a adopción de medidas para mellorar a puntualidade do servizo e a flexibilización dos abonos e das tarifas en vigor.
REXEITADAS AS TRES MOCIÓNS DO PP
En canto á parte resolutiva do pleno, o goberno municipal, cos votos dos concelleiros de BNG e PSdeG-PSOE, rexeitou as tres mocións presentadas polo PP, relativas á recollida de lixo o rural, o polígono do Campiño e a pobreza enerxética.
Na primeira delas, o edil popular Martín Martínez denunciou o "pésimo" servizo que se ofrece ao rural e reclamou que se aumenten a catro os días de recollida, que se renoven e se limpen os contedores ou que haxa máis illas para a reciclaxe.
A este respecto, Alberto Oubiña (BNG) cualificou de "misérrima" a proposta do PP porque "piden o que xa está anunciado que se vai a facer" e, nalgúns casos, quedándose por baixo do novo contrato, no que prevé recoller o lixo máis de catro días á semana.
Pablo Fernández foi, pola súa banda, o defensor da moción do PP sobre O Campiño, polígono ao que ve "totalmente esquecido e maltratado" polo goberno municipal e sen parcelas dispoñibles, o que supón unha "perda de oportunidades laborais" para o concello.
Por iso é polo que pediu, entre outras cuestións, que o Concello mellore os viais do polígono, proceda ao pintado e sinalización das vías, que aumente a frecuencia da recollida de lixos, que arrombe as parcelas con maleza ou impulse un centro de negocios.
Ademais, Fernández reclamou unha liña de transporte público para que poidan usar os traballadores das empresas asentadas no Campiño, que se cren aparcamentos disuasorios ou que se xestione a construción dunha ligazón directa coa A-57.
Desde as filas nacionalistas, César Mosquera asegurou que esta iniciativa "cae polo seu propio peso", porque lembrou que o polígono foi construído pola Xunta e ao Concello cedéronselle unicamente os viais interiores.
"Se se detecta necesidade de solo industrial, Xestur ten instrumentos para atendela", dixo Mosquera, que defendeu que "hai terreos suficientes" na comarca para iso. "Non inventen realidades que non existen", dixo.
Sostivo ademais que o pintado dos viais e as rozas fanse de maneira "habitual" e que o Concello non pode recoller os residuos industriais que xeren as empresas, polo que o actual servizo de lixo é máis que suficiente.
A última moción presentada polo PP, que defendeu o seu portavoz Rafa Domínguez, é a que reclamaba crear unha partida de 900.000 euros para que 1.500 familias de Pontevedra puidesen recibir 1.500 euros para pagar as súas respectivas facturas de luz e electricidade.
Moitas destas familias, segundo Domínguez, están nunha situación de "asfixia económica" ante os prezos "absolutamente desproporcionados" da luz ou do combustible, polo que reclamou "sensibilidad" ao goberno municipal para "rescatar a personas que lo pasan mal".
Pero os datos achegados por Marcos Rey (PSOE), concelleiro de Benestar Social, apuntan que a media de familias atendidas en Pontevedra sitúase nunhas 150 e defendeu que cos recursos actuais do Estado, a Xunta e o Concello están "perfectamente arropadas".
A pesar diso, avanzou que o Concello aumentará a partida destina a emerxencia social e reclamoulle ao líder popular que non faga demagoxia con este tema porque "yo tuve que pedir el bono social en su momento, así que no me dé lecciones que sé de lo que hablo".