O novo edificio para Deseño e Xestión Pública, unha "prioridade" para Manuel Reigosa
Por Redacción
Manuel Reigosa, o actual reitor da Universidade de Vigo e único candidato para a elección, elixiu este martes o campus de Pontevedra para iniciar a campaña electoral que culminará o próximo 4 de maio coa votación vinculante sobre a súa continuidade.
Foi cunha xuntanza na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte, na que expuxo as súas principais liñas de traballo para os próximos anos, se é quen de conseguir renovar a confianza que depositaron nel os membros da comunidade universitaria. Despois visitou tamén Fisioterapia e Forestais.
Así, ademais de presentar formalmente a Eva María Lantarón, decana de Fisioterapia, como a nova vicerreitora do campus de Pontevedra, Reigosa adiantou que unha das súas prioridades será a creación dun edificio para as futuras facultades de Deseño e Dirección e Xestión Pública.
A este respecto, o reitor recoñeceu ser "optimista" de cara a que o novo Grao en Deseño poida implantarse o vindeiro curso no edificio administrativo da Xunta en Benito Corbal. Aí seguirían eses novos estudos ata que se constrúa o edificio previsto nos antigos terreos de Tafisa.
Explicou ademais que a construción dun novo ximnasio na Facultade de Ciencias da Educación e do Deporte atópanse pendente de obter os permisos necesarios para iniciar as obras.
Sobre novos estudos, o candidato á reelección amosouse "convencido" de que o futuro do campus pasa en parte polas "sinerxías" entre facultades.
"Intentaremos ter incluso un dobre grao en Fisioterapia e Ciencias da Actividade Física e do Deporte, que creo que pode captar talento de moitísimo nivel", asegurou.
Manuel Reigosa explicou, con respecto á universidade, que o relevo xeracional é a "primeira urxencia" que ten que afrontar a institución no futuro inmediato, ante o elevado número de xubilacións, tanto de persoal docente e investigador como de administración e servizos.
A isto sumou a súa aposta por unha universidade "comprometida" coa igualdade, coa lingua galega e co fomento da súa internacionalización.
Relacionadas:
-
O grao en Deseño estréase no campus de Pontevedra con 52 estudantes
Por Redacción |
-
Ratifican a creación das novas facultades de Deseño e de Dirección e Xestión Pública
Por Redacción |
-
Apoio maioritario do campus de Pontevedra a Manuel Reigosa, que seguirá como reitor
Por Redacción |
-
O novo edificio universitario será unha "construción modular" que se poderá ampliar se chegan máis titulacións
Por Alejandro Espiño |
-
O campus de Pontevedra presenta un completo catálogo con todos os seus servizos
Por Oskar Viéitez & Diana Eiras |
-
Eva Lantarón, decana de Fisioterapia, proposta como nova vicerreitora en Pontevedra
Por Alejandro Espiño |
-
O novo grao de Deseño ofertará 45 prazas no seu primeiro ano
Por Alejandro Espiño |