O PP galego celebrará o 21 e 22 de maio en Pontevedra o congreso da sucesión
Por Oskar Viéitez
O Partido Popular de Galicia celebrará en Pontevedra o Congreso rexional extraordinario os días 21 e 22 de maio para designar ao sucesor de Alberto Núñez Feijóo na presidencia da formación. Así o acordou por unanimidade este luns a Xunta directiva do PPdeG.
O Congreso será no Recinto Feiral e está previsto que sexa Alfonso Rueda, actual vicepresidente primeiro da Xunta e presidente provincial do PP en Pontevedra, o que suceda a Feijóo no poder orgánico dos populares galegos, despois de recibir o apoio expreso do resto de baróns provinciais.
No seu discurso ante a Xunta Directiva Rexional, Alberto Núñez Feijóo, que deixou o seu cargo o pasado 1 de abril para pasar a liderar o partido a nivel estatal, recoñeceu que "no habría dado este paso si no supiese que en Galicia hay un partido preparado" e engadiu que "no habría dado este paso sin un partido unido, sin un partido capaz".
O que será o 18 congreso do PPdeG, "el de la mayoría de edad", celebrarase na mesma fin de semana que está previsto o conclave do PP de Madrid que supoñerá a elección de Isabel Díaz Ayuso como presidenta.
A Comisión Organizadora do Congreso estará presidida por Elena Candia e contará con Lucía Calvo como vicepresidenta, con Alberto Fuentes como secretario e cos vogais Carmen Seijas, Pablo Pérez, Sagrario Sánchez, Katy Varela, Ana Villarino e Evaristo Ben. Alberto Pazos, Juan Jácome, Emilio Romay, Julio Platero, José Luis Fernández e Luis Vergara forman parte do persoal técnico.
A partir deste momento, o cronograma a aplicar será o seguinte: os afiliados teñen un prazo de 15 días para inscribirse e poder participar no proceso electoral -remata o 3 de maio-. Xa ás 20:00 horas do 28 de abril acaba o tempo para que calquera afiliado poida presentar a súa precandidatura á Presidencia do PPdeG -con 90 firmas de afiliados-.
A campaña empezará oficialmente o día 30 de abril, durará 10 días e finalizará o 9 de maio. O martes 10 de maio celebraranse as asembleas nas que haberá dúas urnas, unha para votar ao candidato a presidente do PPdeG e outra para elixir aos compromisarios. Cómpre sinalar que estes últimos están repartidos cun dobre criterio: afiliación e representación electoral.
A asignación é a seguinte: A Coruña terá 358 compromisarios, Lugo 204 compromisarios, Ourense 309 compromisarios e Pontevedra 394 compromisarios. Ademais, hai outros 215 compromisarios natos correspondentes aos membros da Xunta Directiva, 10 da Comisión Organizadora do Congreso e outros 10 máis procedentes dos representantes do partido na Emigración.
O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado asegurou que coa renuncia de Alberto Núñez Feijóo como presidente do PPdeG "péchase unha das etapas de maior prosperidade da historia da Comunidade" e afirmou que "somos líderes en Sanidade, en políticas sociais, en Educación, en baixadas de impostos e pago da débeda, e superamos unha crise económica e outra sanitaria con mellores resultados que o resto de España".
Tras resaltar a gran ilusión que supón o inicio da nova etapa do Partido Popular con Feijóo como líder nacional, Tellado aclarou que non se perde un presidente Galicia senón que se gañan dous: "Un na Xunta e outro no Goberno de España".
Relacionadas:
-
456 compromisarios da provincia participarán no congreso do Partido Popular de Galicia
Por Redacción |
-
Rueda empeza o camiño para suceder ao "insubstituíble" Feijóo: "A quinta maioría absoluta empeza hoxe aquí"
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
"Alerto ás mulleres: Vox e o PP son o mesmo", asegura Carmela Silva
Por Oskar Viéitez |
-
Rafa Domínguez sinala que o congreso do PP será "tremendamente beneficioso" para a hostalería da cidade
Por Oskar Viéitez |
-
Os 'baróns' do PP achandan o camiño de Rueda tras avalalo como sucesor de Núñez Feijóo
Por Alejandro Espiño |
-
Alfonso Rueda, o relevo 'previsible' de Núñez Feijóo tras trece anos á súa sombra
Por Alejandro Espiño |
-
Rueda vería unha "boa decisión" elixir o líder do PP nun congreso e "a día de hoxe" non se ve sucesor
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |