Conclúe a Semana Santa coa procesión do Encontro do Xesús Resucitado coa Virxe
Por Cristina Saiz & Redacción
O último acto da Semana Santa pontevedresa chegaba este domingo de Pascua ás 20.00 horas cando varias imaxes partían de diferentes puntos da cidade para unirse nunha procesión conxunta, denominada do Encontro de Xesús Resucitado coa súa nai a Virxe María.
Desta forma, a imaxe da nosa Señora do Amor Fermoso, coa súa confraría e representacións partía da parroquia de San Xosé en Campolongo, facendo un percorrido pola Praza de Galicia, Andrés Muruais e Peregrina. Pola súa banda, a confraría da Vera-Cruz iniciaba o seu traxecto desde a igrexa de San Bartolomé acompañando á imaxe de Jesús Resucitado, atravesando Sarmiento, Pasantería e Paseo Antonio Odriozola.
Por último, as imaxes de San Xoan e María Magdalena, acompañadas da Confraría da Maior Dor e da Banda da Confraría do Espírito Santo, empezaban o itinerario na basílica de Santa María para, a continuación, camiñar pola praza de España, Michelena e a praza da Ferrería.
Na céntrica praza pontevedresa da Ferrería producíase O Encontro, con sermón e unha interpretación de motetes, clásicas composicións polifónicas que se desenvolven desde o século XIII. Tras este acto, formouse unha única procesión con dirección á parroquia de San José, na praza da Constitución.
Este luns 18 de abril celébrase outra festa tradicional relixiosa na parroquia de Tomeza. Trátase de San Cibrán, a cuxa capela acoden os fieis para pasar por baixo da imaxe do santo e dar nove vueltes á edificación relixiosa, tirando unha pequena pedra ao tellado, rito que axuda a escorrentar ao meigallo.
Relacionadas:
-
San Cibrán volve cheirar, saber e soar a romaría
Por Natalia Puga & Diana Eiras |
-
Multitudinaria procesión do Santo Enterro tres anos despois
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
O 'Encontro' entre Cristo coa Cruz ao lombo e a Virxe abre o Venres Santo pontevedrés
Por Mónica Patxot & Redacción |
-
Pontevedra vive unha das grandes citas da súa Semana Santa coa procesión dos Pasos
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A procesión do Santo Encontro enche de fieis as rúas de Sanxenxo
Por Redacción |
-
Mércores Santo coa procesión da confraría da Maior Dor dando fin á coresma
Por Mónica Patxot & Redacción |