O tempo anticiclónico remata coa Semana Santa
Por Redacción & Cristina Saiz
A Semana Santa vai rematando e con ela marcha tamén o anticiclón que deixou días asollados que encheron praias nas Rías Baixas.
Os técnicos de MeteoGalicia prevén ceos con nubes e claros nas próximas datas, ocasionalmente moi anubrados. Haberá precipitacións do luns pola noite ó martes pola mañá e o martes pola noite.
Xa este domingo pode apreciarse como se debilitou lixeiramente a influencia anticiclónica sobre Galicia. Así, comezamos a xornada con nubes de tipo alto, néboas en comarcas do interior e brétemas costeiras.
Os cambios serán máis notables o luns, cando unha fronte fría pouco activa romperá a barreira anticiclónica durante esta xornada. Isto deixará un aumento das nubes, que serán máis compactas no terzo norte onde se rexistrarán precipitacións, en xeral febles e intermitentes. As temperaturas terán un descenso, que será máis acusado nos valores diúrnos. Os ventos soprarán de compoñente norte e serán algo máis intensos a partir do mediodía.
O martes Galicia queda nunha situación intermedia entre as altas presións situadas en Azores e as baixas presións situadas ao leste peninsular. Esta configuración deixa un corredor de ventos do norte que traerá aire frío e inestabilidade. Así, agárdase unha xornada de ceos parcialmente cubertos con chuvascos máis probables na metade norte, que ocasionalmente poden vir acompañados de sarabia e mesmo deixar algunha folerpa nos cumios máis elevados. As temperaturas volverán a sufrir un novo descenso, quedando en valores baixos para a época do ano. O vento soprará de compoñente norte, con intervalos fortes no litoral oeste.
Relacionadas:
-
Sanxenxo e SEO Birdlife unen forzas para a conservación e divulgación do humidal do complexo intermareal Umia - O Grove
Por Redacción |
-
Sanxenxo aspira a conseguir 16 'Q de calidade turística' en praias este verán
Por Oskar Viéitez |
-
Agárdase unha ocupación do 85% en vivendas turísticas durante esta Semana Santa
Por Redacción |