Sanidade regresa ao lecer nocturno de Sanxenxo para previr condutas aditivas entre a mocidade
Por Redacción
A empresa Marexada en coordinación coa Concellería de Servizos Sociais e Xuventude do Concello de Sanxenxo pon en marcha a actividade "A que xogas?". Vai dirixida a mocidade no contexto do ocio nocturno e desenvolverase os días 14, 15 e 16 de abril, coincidindo coas datas de Semana Santa. A intervención se realizará entre as once da noite e as tres da madrugada, para poder achegar a información a un amplo número de xente nova.
"#Aquexogas?" é un programa da Consellería de Sanidade que consiste en ofrecer un punto de información á mocidade sobre prevención de condutas aditivas no lecer nocturno.
Na intervención realizaranse diferentes dinámicas en torno a dous eixos fundamentais que teñen como finalidade a de evitar e reducir o inicio e a consolidación do consumo de sustancias psicoactivas na poboación xuvenil.
A primeira destas accións titúlase "Ola, propóñoche un reto!" e contémplase como un primeiro contacto cos participantes cun xogo de preguntas tipo Trivial. A segunda leva o nome de "Antes de consumir, asegúrate do que NON sabes" e ten como finalidade verificar información sobre o consumo de substancias psicoactivas e desterrar falsos mitos acerca do mesmo, proponse como dinámica un xogo de preguntas empregando a plataforma Kahoot.
A maiores, ao longo da intervención, realizaranse enquisas anónimas para recabar datos estadísticos sobre o consumo de sustancias entre a mocidade galega, distribución de flyers con información sobre diferentes drogas e distribución de merchandising cos logotipos do programa. As accións realizaranse de maneira itinerante facendo unha ruta por distintas zonas de marcha.