Farán unha revisión integral da fachada de Michelena 30 tras detectar fendas
Por Alejandro Espiño
O goberno municipal de Pontevedra contratou polo procedemento de emerxencia unhas obras para revisar o estado da fachada da súa sede administrativa en Michelena 30, tras detectarse gretas nalgúns dos seus ladrillos.
Nesta actuación, que executará Construcións Ramírez, investiranse máis de 124.000 euros.
Anabel Gulías explicou que "desde hai tempo" os servizos técnicos municipais foron constatando a aparición de "pequenas fendas" na fachada do inmoble.
Estas gretas provocaron mesmo algún que outro desprendemento "sen consecuencias" que, con todo aconsellan revisar toda a fachada e reparar os danos detectados.
A Xunta de Goberno deste luns aprobou ademais unha prórroga dun ano no contrato de servizo de axuda no fogar (SAF), polo que a empresa Idades, a actual adxudicataria, recibirá 1,7 millóns de euros, IVE incluído.
Ademais, Naturgalia asumirá os traballos de mantemento dos colexios da zona norte, que estaba en mans de ACEVI, por algo máis de 12.000 euros.
Por último, o Concello sacará de novo a licitación, tras quedar deserto o primeiro procedemento, o contrato para a montaxe de liñas e cadros eléctricos para as festas de Santiaguiño, a Festa da Peregrina e da Feira Franca.