Deteñen un "camelo" en O Vao con 69 bolsas de cocaína e 11 de heroína
Por Redacción
A Garda Civil de Pontevedra detivo na zona de O Vao (Poio) a J.C.C.I, de 42 anos e veciño de Campañó, acusado dun delito contra a saúde pública. Acúsaselle de dedicarse á venda e distribución de estupefacientes a pequena escala.
O detido foi localizado por unha patrulla de seguridade cidadá do posto da Garda Civil de Pontevedra cando camiñaba pola zona de O Vao. Ao recibir o alto por parte dos axentes para que se identificase, tratou de desfacerse de varias bolsas plásticas, que gardaba no peto da cazadora, tirándoas ao chan.
En total recuperáronse e incautáronse 69 bolsas que contiñan cocaína e 11 de heroína, aparentemente dispostas e preparadas, todas elas, para a distribución e venda polo miúdo.
O detido, xunto coa droga aprehendida, será posto nas próximas horas a disposición xudicial.