Esta Semana Santa haberá 40 rutas guiadas e gratuítas para coñecer Cíes e Ons
Por Redacción
A Xunta ofrece durante esta Semana Santa un total de 600 prazas para coñecer as illas Cíes e Ons a través de 40 rutas guiadas e de carácter gratuíto.
Para participar, as persoas interesadas poden reservar a súa praza en liña a través da central de reservas do Parque Nacional ou agardar ao propio día da súa visita para facelo de forma presencial nas casetas de información instaladas nas illas.
Estas visitas, dirixidas por guías profesionais do Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, pretenden contribuír a dar a coñecer entre os visitantes o patrimonio natural e ambiental de ambos arquipélagos así como aspectos destacados da súa historia. Todas as rutas están pensadas para grupos reducidos para garantir unha experiencia de calidade e o máis personalizada posible, á vez que se preserva a contorna.
A primeira das visitas programadas durante a Semana Santa está prevista nas illas Cíes para este sábado, 9 de abril, e a actividade prolongarase ata o día 17 abril, cando se ofrecerán as últimas rutas guiadas en ambos arquipélagos.
En concreto, as persoas que opten por inscribirse a través da central de reservas poderán escoller entre un total de 17 rutas —8 en Ons e as outras 9 en Cíes— nas que poderán inscribirse en total 80 persoas e organizadas baixo os seguintes lemas: Ons: unha illa de 2 caras; Ons: un poco no mar; Cíes: illa de paisaxes; e Cíes: unha viaxe no tempo. As outras 23 rutas resérvanse para os viaxeiros que se anoten nas propias casetas de información.
Cómpre lembrar que o Parque Nacional das Illas Atlánticas vén ofrecendo de forma case ininterrompida este tipo de itinerarios guiados e de balde por Cíes e Ons coincidindo cos períodos nos que se ofrece o servizo de transporte regular en barco a ambos arquipélagos. Ata o momento, xa participaron nesta iniciativa da Xunta máis de 50.000 persoas.
De forma complementaria, en todas as illas, incluídas Sálvora e Cortegada, existen itinerarios sinalizados pensados para visitantes que queiran practicar sendeirismo neste espazo natural. Cada unha destas rutas está marcada cunha cor e tanto nas propias illas como na web do parque hai dispoñibles folletos explicativos cos percorridos.
Adicionalmente, no caso de Ons pódese facer a ruta sur de forma autoguiada a través do folleto Os nomes da illa, e outras dúas temáticas: Arqueoloxía en Ons e a Ruta do lagarto.
Por outra banda, cómpre subliñar que o Goberno galego xa concedeu ata o momento preto de 3.300 autorizacións para visitar o Parque Nacional marítimo-terrestre das Illas Atlánticas de Galicia durante esta Semana Santa, un trámite gratuíto pero imprescindible para poder acceder ao espazo natural nos vindeiros días.