Destinan 40.000 euros a previr incendios en zonas de alto risco de Meis, Barro, Pontevedra, Poio, Caldas e Vilagarcía
Por Redacción
A Xunta de Galicia puxo en marcha entre este ano e o pasado 2021 unha serie de actuacións no distrito forestal XIX Caldas-O Salnés encamiñadas a previr incendios forestais e, en caso de producirse, limitar ao máximo a súa propagación e minimizar os danos causados.
En total, investiu preto de 40.000 euros en diversas actuacións de xestión de biomasa en zonas declaradas de alto risco de rexistrar lumes forestais dos concellos de Meis, Barro, Pontevedra, Poio, Caldas de Reis e Vilagarcía de Arousa.
En concreto, actuaron nos montes da parroquia de San Lourenzo, en Meis; Curro, en Barro; Campañó, en Pontevedra; San Xoán, en Poio; Saiar, en Caldas de Reis; e Cea e O Carril, en Vilagarcía de Arousa.
Segundo a información facilitada pola Xunta, estase a proceder á creación e mantemento de faixas auxiliares e á realización de rozas de pistas forestais de xeito mecanizado. Retiran matogueira de diversas alturas e densidades para facilitar o acceso dos medios de prevención e extinción, así como para evitar a propagación e diminuír o risco de incendio forestal.
Todas estas obras enmárcanse no Plan de prevención de incendios forestais da Consellería do Medio Rural, que no ano 2021 contou cun orzamento de case 30 millóns de euros para actuar en máis de 58.000 hectáreas de territorio e nuns 5.000 quilómetros de pistas e vías de comunicación.