As familias dos falecidos reiteran a súa confianza nos xuíces, "sexan da sede xudicial que sexan"
Por Natalia Puga
As familias dos 21 mariñeiros da tripulación do Villa de Pitanxo falecidos no naufraxio reiteraron este mércores a súa confianza "na Xustiza e nos xuíces" que investigan en afundimento para lograr esclarecer o ocorrido en Terranova o pasado 15 de febreiro.
Este mércores fíxose público un auto do Xulgado Central de Instrución número 2 da Audiencia Nacional polo que se inhibe nun xulgado de Marín para investigar a causa. Tras coñecer o seu contido, as familias quixeron reiterar esa confianza nos xuíces "sexan da sede xudicial que sexan".
Nun comunicado difundido polo seu portavoz, María José de Pazo, os familiares dos 9 falecidos e 12 desaparecidos sinalan que xa esperaban esta inhibición tras coñecer o informe polo que a Fiscalía pedía que a competencia fose un xuíz de Marín.
Agora que xa é oficial, ademais de mostrar a súa confianza, aproveitaron para reiterar que "hoxe máis que nunca" é necesario que o Goberno contrate a unha empresa especializada que se desprace ata a zona do afundimento en Terranova e baixe ao pecio do buque afundido.
Lograr descender ao pecio e facer gravacións do estado do buque, segundo as familias, "sería moi esclarecedor para a instrución". En xeral, ven valiosos todos os datos que puidese recoller o robot que descendese ata o lugar onde está o buque, que se calcula que permanece a uns 1.000 metros de profundidade.
Consideran que esta información axudaría a "ser rigoroso e alcanzar a verdade e a xustiza" e a información das posibles probas obtidas en augas de Terranova "reforzaría a todo o proceso de investigación".
Ademais de axudar neste proceso xudicial, cren que esas gravacións "servirían para sacar conclusións para o futuro de todos os mariñeiros".
Relacionadas:
-
Aprobación unánime no Pleno de Marín dunha moción sobre o Villa de Pitanxo pedindo "baixar ao buque"
Por Diego Espiño |
-
As familias aseguran que a investigación "non estará completa" se hai probas do naufraxio "que siguen afundidas"
Por Alejandro Espiño |
-
Samuel Kwesi asegura que o patrón e o armador presionárono para apoiar a súa versión do naufraxio
Por Natalia Puga |
-
A Audiencia Nacional ve indicios de delito e envía a causa do Villa de Pitanxo a Marín
Por Natalia Puga |