Javier Seoane, o axente que recuperou o servizo de Policía Local en Vilaboa
Por Oskar Viéitez
Vilaboa recuperou desde hai varias semanas o servizo de Policía Local, do que carecía dende hai dous anos ao solicitar os dous axentes anteriores unha excedencia. A praza é agora de Javier Seoane, un axente veterano que chega a Vilaboa tras prestar 25 anos de servizo na comisaría da Policía Local de Vilagarcía.
Da súa experiencia en diferentes departamentos como a seguridade vial, atestados, tráfico e violencia de xénero, saca proveito agora a veciñanza de Vilaboa xa que Javier Seoane ten xa sobre a mesa un apretado calendario de actividades e charlas que arrancará nada máis pase a Semana Santa.
Aínda que o coche patrulla chegoulle hai tan só uns días, o novo axente xa dedicou algunha xornada a inspeccionar o municipio e presentarse á veciñanza.
"Estou encantado coa amabilidade da xente e a boa acollida que me prestan, polo menos de momento", dixo Javier Seoane, ao que Vilaboa non lle é allea xa que seu pai era oriúndo deste municipio donde ainda ten familia residindo e ese é un factor que lle fai sentirse moi cómodo na súa nova praza.
Polo de agora centrouse nas tarefas administrativas, pero na súa axenda está tamén a vixilancia urbanística, a notificación de requerimentos de limpeza de leiras e o control sobre os verteduras, ademáis do cumprimento das normas de tráfico.
"Da academia saes con coñecementos, pero un policía faise na rúa, coa experiencia de tratar coa xente", explica para asegurar que ante calquer conflito ou infracción "a primeira opción é sempre a diplomática para chegar a acordos pola vía do diálogo e evitar a xudicialización". "Antes da sanción, información", insiste.
"A xente responde en función de como lle plantexes as cousas; neste traballo hai que ter moita psicoloxía e un talante dialogante", afirma, ainda que matiza que hai infraccións graves que son sancionables desde o primeiro momento como conducir ebrio ou baixo os efectos de substancias tóxicas.
Javier Seoane afronta con ilusión esta nova etapa profesional e faino cunha premisa clara: "previr é máis eficiente que sancionar, e máis barato", en alusión aos ciclos de charlas que ten programado levar a cabo en diferentes material e que en breve o levarán a Bértola e Figueirido a falar da nova lei de Tráfico.
No seu curriculo Javier Seoane conta con cursos de educación vial para monitores de parques infantís de Tráfico (DGT); de experto universitario en educación vial; de primeiros auxilios e urxencias vitais; de intervención e prevención sanitaria nos accidentes de tráfico; de salvacorazóns DEA; de formación en defibrilación semiautomática externa; de formación de operador de radar e de intervención policial ante a violencia de xénero. Conta ademáis no seu haber coa Mención de Honra da Policía Local polo seu servizo de manifesta importancia e servizo á comunidade en 2015; Felicitación Pública polo esforzo e dedicación no estudo e desenvolvemento das actividades de educación vial en 2015 e a Cruz da Orde á Constancia no Servizo da Policía Local polos 20 anos de servizo.
Relacionadas:
-
Escolares de Vilaboa reciben sesións de educación viaria con especial atención ao uso de bicis e ciclomotores
Por Redacción |
-
Os bombeiros liberan un home co brazo atrapado baixo a roda dun coche en Vilanova
Por Redacción |
-
Dúas persoas feridas nunha colisión frontal entre dous coches en Briallos
Por Oskar Viéitez |