Martín Códax terá 'lombos' tras detectarse nela velocidades "inasumibles"
Por Alejandro Espiño & Diana Eiras
A campaña de control de velocidade que desenvolveu a Policía Local, en colaboración con Tráfico, en Pontevedra entre os días 21 e 26 de marzo, levou ao goberno municipal a tomar unha decisión sobre unha das rúas da cidade: Martín Códax.
Neste vial, que discorre pola Xunqueira de Alba, detectáronse velocidades "inasumibles", segundo a edil de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde, polo que o Concello optou por tomar medidas que, previsiblemente, pasarán por instalar ' lombos' no seu trazado.
Os técnicos municipais estudarán a fondo esta rúa, que segundo Vilaverde moitos condutores toman como "atallo" para evitar o nó de Bombeiros, para analizar os puntos onde colocar os redutores de velocidade que se determinen.
En Martín Códax, antes destes controis, os veciños xa mostraran a súa preocupación por esta situación, asegurou a edil do BNG, que engadiu que a Policía Local xa detectara exceso de velocidade nalgúns condutores.
Nos dous controis de velocidade realizados nesta rúa no marco desta campaña, un 5,7% dos condutores excederon o límite de velocidade, con picos de 63 quilómetros por hora, o dobre do permitido pola normativa municipal.
Iso si, non supera a outro dos grandes 'puntos negros' da rede municipal, a avenida Avelino Montero Ríos, en Estribela, onde o 5,8% dos condutores superaron o límite de velocidade, fixado alí en 50 quilómetros por hora, con picos rexistrados de 90 km/h.
Ante esta situación, Eva Vilaverde volveu a esixir á Xunta de Galicia, que ostenta a titularidade desta rúa, que adopte medidas "urxentes" para reducir o perigo na zona, porque se non se toman medidas "un accidente pode acabar sendo neglixencia".
En total, foron dez os controis realizados, pero no resto de vías, Avenida de Bos Aires, Avenida de Uruguai, Rosalía de Castro, Eduardo Blanco Amor e a Rolda Leste, o volume de condutores denunciados non superou o 3%.
A Policía Local e Tráfico rexistraron nestes controis un total de 1.580 vehículos, dos cales 44 acabaron denunciados, un 2,8% do total. Deles, 35 condutores non perderon puntos, cinco foron sancionados con 4 puntos e catro con 2 puntos.