Prohiben á muller que botou unha botella a un veciño achegarse á vítima durante dez anos
Por Redacción
A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Pontevedra absolve a María Teresa L.R. como autora dun delito de asasinato en grao de tentativa ao intentar matar o seu veciño lanzándolle á cabeza unha botella de vidro a través da ventá do seu piso da rúa Herreros de Pontevedra.
A sentenza imponlle como medida de seguridade a prohibición de achegarse á vítima e de comunicarse con ela por un período de dez anos, ademais da obrigatoriedade de someterse a un control médico periódico.
O tribunal provincial a absolve ao entender o tribunal que concorre a eximente completa de "alteración psíquica" ao padecer un trastorno de ideas delirantes que garda relación directa co motivo da agresión e que altera totalmente o xuízo da realidade. O propio fiscal no seu escrito de acusación pediu a súa condena por un intento de asasinato, pero non o seu ingreso en prisión.
Segundo trasladaron os peritos forenses durante o xuízo, co correcto seguemento médico pode controlase a súa enfermidade, de aí que non pedira o seu ingreso en prisión.
En canto á vítima, o seu veciño, Juan B.A. de 82 anos, deberá ser indemnizado coa cantidade de 23.347,67 euros, ademais da cantidade que se acredite na fase de execución da sentenza polas medidas de adaptación que a vítima tivo que realizar no seu vehículo para poder seguir conducindo.
Durante a vista oral, celebrada o pasado 29 de outubro, María Teresa negou os feitos.
Non obstante Juan B.A., asegura que a viu tirar a botella, dous veciños declararon que viron como se lanzaba o obxecto dende a ventá do seu piso e unha terceira testemuña asegura que viu como se pechaba a súa persiana unha vez que o home estaba xa tirado no chan da rúa cun golpe na cabeza.
A botella que golpeou a Juan B.A. era de cristal da marca de auga Cabreiroá e na casa da procesada a Policía Nacional encontrou dúas caixas desta mesma marca ás que faltaba unha botella, pero non se puido probar que tivesen a mesma orixe, non se realizou proba de ADN que confirmase que a acusada a lanzara. A muller negouse a que lle tomasen mostras para cotexalas cos restos do vidro.