Semana Santa acuática en Aguete con paddle surf, sup ioga e ruta en kaiak
Por Redacción
O club deportivo Imua organiza varias actividades durante esta Semana Santa na praia de Aguete. Este martes, o representante do club Guillermo Roca presentaba con Cristina Acuña, concelleira de Turismo, o programa de cursos e propostas para os próximos días.
O campamento Imua Junior Camp realizarase do 11 ao 14 de abril, en horario de 10.00 a 14.00 horas. Esta proposta destínase a mozas con idades comprendidas entre os 6 e os 18 anos. Ao longo desas xornadas, os participantes poderán divertirse practicando paddle surf, ioga surf e kaiak con base no Real Club de Mar Aguete. Realizaranse travesías entre as distintas praias de Marín e cursos de especialización para estas modalidades deportivas que suman numerosos seguidores durante os últimos anos.
Ofértanse 12 prazas, que se cubrirán por orde de reserva. A inscrición pode realizarse a través da páxina web de Paddle Surf Aguete ou no teléfono 625.777.297. O día 9 péchase o prazo de reserva, se non se esgotan previamente as prazas.
Por outra banda, o xoves 14 de abril, a partir das 11.00 horas, poñeranse en marcha actividades para adultos coa opción de participar no curso de iniciación Sup Ioga coa monitora Myriam Viéitez ou no curso de iniciación ao Paddle Surf. Unha vez finalizada a actividade deportiva continuarase cun brunch.
As inscricións pódense realizar tamén na web de Paddle Surf Aguete ou no mesmo número de teléfono. O máximo de prazas establécese en 24.
A estas opcións súmanse rutas en kaiak entre as praias cun curso de iniciación ao Sup Ioga con brunch. Será o sábado 16 de abril, a partir das 10.30 horas. O roteiro previsto realizarase desde a praia de Aguete ata a de Mogor. Tamén é necesario inscribirse e ofértanse 12 prazas.