Os técnicos recomendan tallar os oito álamos situados no Santo Antoniño
Por Redacción
O informe técnico elaborado pola Estación Fitopatolóxica Areeiro sobre a situación sanitaria dos oito pés de álamos (populus) que se encontran no núcleo do Santo Antoniño -pegados ao colexio público-, recomendan a súa talla.
O informe foi solicitado polo Goberno municipal de Barro, ante a evidente preocupación pola seguridade e o risco de caída de ramas ou dalgunha das árbores completas ante os evidentes deterioros sanitarios que veñen amosando estas árbores nos últimos tempos, coa caída de pólas e cun aspecto que xera alarma.
A súa situación, en pleno centro neurálxico do concello, acrecenta o risco de que se poidan producir danos persoais ou materiais, mais aínda despois de teñan lamentado vítimas mortais recentemente tras caídas de árbores en concellos da provincia.
O informe técnico conclúe que a situación dos pés non é a adecuada, comezando pola súa localización, xa que o espazo dispoñible para o desenvolvemento do sistema de raíces é insuficiente, sobre todo para este tipo de árbores. A esta situación desfavorable, hai que engadir que nas análises do solo detectáronse patóxenos como a armilliaria e a phytophthora, que afectan gravemente tanto ás raíces de soporte como ás raíces absorbentes.
O criterio técnico tamén sinala que as árbores sofren problemas na parte aérea, con desequilibrios froito de malas podas e por desenvolverse pegadas un muro. Ademais, todas as plantas presentan defectos visibles como descompensacións de carga, grandes ocos, feridas mal curadas e con madeira en descomposición.
A Estación Fitopatolóxica determina que tras "Todas estas situacións, unidas a unha situación nun espazo con elevadas posibilidades de causar danos de importancia (...) recomendan que se proceda á eliminación da totalidade dos pés".
Dada esta situación, o Goberno municipal procederá á súa corta á maior brevidade posible, co obxectivo de minimizar riscos.
Fernández Abraldes, alcalde de Barro, xa se puxo en contacto do Dirección do CEIP Amor Ruibal para trasladarlle os resultados deste informe e acordaron, de cara ao curso que vén, iniciar unha colaboración para que o alumnado de Barro sexa partícipe da recuperación dese espazo coa plantación de especies que si se adecúen a ese entorno.