"Normalizada" a situación nas estacións de servizo tras unha fin de semana de colas e problemas informáticos
Por Natalia Puga
Desde que o pasado venres 1 de abril empezou a aplicarse unha bonificación de 20 céntimos por litro de carburante dentro das medidas aprobadas polo Goberno para facer fronte á alza de prezos, as estacións de servizo pontevedresas viviron situacións caóticas, con grandes colas e problemas informáticos que complicaban a actividade. Este luns, con todo, "xa se normalizou todo".
Así o asegurou en declaracións a PontevedraViva Adriana González, secretaria da asociación provincial de estacións de servizo de Pontevedra. O venres unha unión de varios factores complicou a situación, pois ao comezo dos descontos sumouse que era venres e o primeiro día do mes e que facía bo tempo, e o resultado foi de "grandes colas".
Así, a afluencia de clientela foi moito máis elevada dun día normal porque moitas persoas apuraron os depósitos para poder beneficiarse da bonificación e tamén porque moitos particulares encheron o depósito para o fin de semanas e os profesionais para deixar os vehículos preparados para poder empezar a traballar o luns. "Acumuláronse particulares e profesionais", indica.
O sábado, un día que xa adoita haber "bastante trafego", tamén houbo "movemento, moito máis do normal" e o domingo xa foi "máis tranquilo" e esta luns a situación normalizouse. Aos descontos sumouse a fin de semana o bo tempo, que animou á poboación para desprazarse.
Adriana González explica que a poboación apurou os depósitos ata o venres, de modo que desde que o martes 29 de marzo se anunciaron as bonificacións contívose o consumo. Ademais, moitos profesionais teñen a sensación de que os consumidores "pensaban que os descontos só duraban un día", pois moitos acudiron "en masa" ás estacións de servizo a pesar de que non o necesitasen.
A situación chegou a ser de caos nalgunhas estacións porque á maior afluencia de clientela houbo que engadir unha carga de traballo adicional para os traballadores. Así, por unha banda, o venres habilitouse a páxina web de Facenda na que as empresas debían cubrir o formulario necesario para a provisión de fondos que lles fará o Goberno previsiblemente esta semana para compensalos polo adianto dos descontos aos clientes que deben asumir as gasolineiras. O formulario era sinxelo, pero xerouse "algún problema".
A carga de traballo adicional tamén chegou pola devolución deses 20 céntimos de bonificación. O cliente os paga e a estación devólvellos, de modo que, se pagan en efectivo, "as moedas de 1 e 2 céntimos teñen un protagonismo inesperado" e en moitas empresas non contan co cambio suficiente. "Houbo tan pouca marxe de tempo entre que saíu publicado o boletín e a súa posta en funcionamento que algúns tiveron problemas para conseguir cambios".
A maiores, nalgunhas estacións de servizo abanderadas con compañías petrolíferas os sistemas de pago estiveron bloqueados o venres e parte do sábado e a clientela que necesita factura non pode tela porque se están producindo informáticos á hora de emitir as facturas coas bonificacións aplicadas, de modo que non se poden entregar no momento, senón recoller os datos para emitilas máis tarde, cando se adapten os sistemas informáticos.
A pesar de todo, Adriana González, propietaria á súa vez dunha estación de servizo, asegura que "os 90% clientes foron moi comprensivos, sabendo que iamos máis lentos porque iamos adaptándonos á normativa" e nas estacións de Pontevedra non se xeraron problemas de relevancia.
A pesar de que nalgúns puntos de España as estacións advertiron do risco de peche pola carga financeira derivada de ter que asumir a nova bonificación directamente por parte da empresa en lugar do consumidor, en Pontevedra non se deu ningún caso. A semana pasada celebrouse unha reunión do sector no que se decidiu "dar un voto de confianza" ao Goberno confiando en que a provisión de fondos sexa efectiva esta semana e, segundo Adriana González, cren que "se se cumpre o que dixeron, non habería ningún problema".
No caso de que eses fondos non cheguen rápido, "algúns si que pensaremos pechar", pois, de media, esa bonificación "pode supoñer un adianto de 1.000 euros cada día" e tres de cada catro estaciones pontevedresas son pequenas ou medianas empresas. De momento, na provincia de Pontevedra só ten constancia dalgunha estación que tivo que pechar o venres, pero "por problemas de subministración".
A secretaria da asociación desmente que as estacións de servizo aplicasen unha subida de prezos previa á aplicación da bonificación, inflando artificialmente o prezo final. "Non é certo", afirma de forma tallante. Tras facer un seguimento, asegura que "na zona de Pontevedra e as estacións de influencia da capital, ningunha subiu os prezos de forma significativa". Houbo variacións de 1 céntimo arriba ou abaixo derivadas do cambio do prezo de compra do combustible. No seu caso, por exemplo, entre o luns 28 de marzo e o venres 1 de abril detectou un diferencial de prezo de 10 céntimos máis barato.
"A maioría das estacións de servizo non subimos os prezos polo motivo dos 20 céntimos, que a nós nos van a devolver, inflar os prezos antes sería un timo aos clientes e ao Estado", asegura.
Segundo os datos que manexa, o sábado día 2 o prezo medio do gasóleo na provincia foi de 1,84 euros por litro e o máis habitual foi 1,83. No caso da gasolina, o prezo medio foi 1,818 e o máis habitual, 1,809. O martes 29 de marzo, os prezos eran 1,89 e 1,899 no prezo do gasóleo e 1,856 e 1,849 no da gasolina.
Relacionadas:
-
Encher un depósito de gasolina custa en Pontevedra 22 euros máis que en xaneiro, a pesar das bonificacións
Por Diego Espiño |
-
Tres gasolineiras de Pontevedra, denunciadas por subir os prezos o día que empezaron os descontos
Por Redacción |
-
Unha fin de semana de asistencia masiva ás gasolineiras
Por Redacción |