Media tonelada de castañas e viño galego, oferta do magosto popular na Ferrería
Por Alejandro Espiño
Media tonelada de castañas "asadas á grella de forma tradicional" e viño do país "galego e de calidade, como debe ser". Todo de balde. ÿ o que se servirá este venres 15 de novembro ás 18.00 horas na Praza da Ferrería. Será no marco dun magosto popular, "a festa máis tradicional do outono galego", unha actividade que está organizada polo Concello de Pontevedra e o Centro Comercial Urbano Zona Monumental.
O magosto contará coa actuación do Bico da Balouta, unha agrupación de música tradicional. Ademais, a concelleira de Festas, Carme da Silva, animou a todas as persoas que queiran participar da festa de xeito espontáneo a que o fagan, traendo os seus propios instrumentos ou arrincándose a bailar.
Paralelamente organizaranse actividades lúdicas dirixidas ao público infantil. Faranse obradoiros de xoguetes de refugallo, actividades con trompos (tanto explicarlle aos nenos como se fan bailar ou como se poden decorar), e tamén haberá un obradoiro de manualidades con follas secas na Praza da Verdura.
"Queremos contribuír a que se manteñan vivos os xogos tradicionais, porque estamos absolutamente convencidos de que os nenos responden moi ben a eles, ao poder desenvolver esta actividade sen estar custodiados por adultos", explicou a concelleira nacionalista.
Este magosto estará coordinado coa actuación da Banda de Música de Pontevedra prevista para o mesmo vernes, a partir das 19.00 horas, no treito peonalizado rúa Benito Corbal. Carme da Silva lembrou que con esta actuación búscase integrar esta zona comercial no centro histórico, de aí que a actividade se organice nestes tres espazos públicos: praza da Verdura, praza da Ferrería "e o recén recuperado para os cidadáns", o tramo peonil de Benito Corbal.