Asfixiados polo prezo da luz: "A factura subiume un 40% na cafetería e outro tanto na casa"
Por Manu Otero & Mónica Patxot
O prezo da luz leva meses disparado e as economías familiares comezan xa a dar síntomas de asfixia. Moitos consumidores advirten de incrementos superiores ao 50% que os obrigan a adoptar medidas de aforro para poder seguir pagando por un ben de primeira necesidade.
"No mes de decembro xa me chegou un recibo de 365 euros e en marzo chegáronme dúas facturas por un importe total de 764 euros. É máis do 50% da pensión coa que vivo", denuncia Luisa Márquez, quen non comprende como pode recibir facturas tan altas cando "non vivo nunha mansión, vivo soa nun piso. Ou hai algo oculto ou non ten moito sentido ese aumento na factura".
O seu caso non é illado. Julio Velasco, un xubilado que convive nun piso coa súa esposa, viu incrementada a súa factura tamén nun 20%. Nin sequera a decisión de renovar todas as lámpadas da súa casa por outras de baixo consumo lle serviu para reducir o gasto porque "cando o fixen subiron o prezo fixo da factura", lamenta á vez que defende a necesidade de que exista polo menos unha empresa eléctrica pública.
A escalada de prezos non afecta unicamente os pensionistas, o dos estudantes é outro dos sectores da poboación máis castigado por este brusco ascenso dos recibos. "No noso piso compartido de estudantes, estamos controlando o uso dos electrodomésticos: poñemos a lavadora pola noite e reducimos o uso do forno", explica Alberto Rivas, preocupado tamén pola economía da súa familia. "Estou desprazado noutra cidade para estudar e a miña factura a teñen que pagar meus pais. Ademais da factura da súa casa, pagan a miña polo que sofren un dobre abuso", lamenta.
A situación é practicamente insostible para algúns autónomos. María Rial rexenta unha pequena cafetería na pontevedresa rúa José Adrio e os efectos da subida do prezo da luz non só disparou a factura do local, tamén o baleirou de clientes. "Vese que os consumidores teñen medo e que os seus recursos económicos se esgotan ou llos sacan por outros lados", confesa a empresaria.
Cos ingresos baixo mínimos, Rial ve como a factura da luz sobe cada mes. "Subiume un 40% no establecemento e na casa outro tanto. Unhas barbaridades", declara comparando coas tarifas do pasado ano. Ademais, no seu caso poucas medidas de aforro pode adoptar porque "aquí non podemos encender as neveiras ás 12 da noite porque a xente quere a cervexa fría ás catro da tarde ou ás nove. Os hábitos son inamovibles e non podemos abaratar ningún custo", puntualiza.
E aínda por riba, o prezo das mercadorías está tamén á alza. "Encher unha freidora de cinco litros de aceite custa agora 20 euros, cando antes custaba cinco. A partir de aí traduce todo", ilustra a traballadora, que xa puxo unha denuncia en Consumo para tratar de conseguir algún tipo de compensación por un incremento que pon en xaque a viabilidade do seu negocio e o mantemento do seu fogar.
Nas consecuencias da subida do prezo da luz ten posto o foco o Bloque Nacionalista Galego, que ten en marcha unha campaña de reunións con diversos colectivos afectados polo incremento do custo da enerxía. Neste contexto, o deputado pontevedrés Luís Bará mantivo un encontro con todos estes afectados, que lle expuxeron a súa situación e o nacionalista explicoulle a estratexia do seu partido para paliar o gasto dos fogares.
"Nos últimos meses deuse un incremento abusivo dos prezos dos combustibles e da luz que está provocando un estrangulamento de todos os sectores da economía, tamén dos fogares. Estannos roubando e hai que poñerlle coto a esta situación", esixe o deputado, cuxo partido ten convocada unha manifestación para este domingo en Compostela na que esixirán medidas urxentes tanto ao Goberno central como ao autonómico.
"As medidas anunciadas polo Goberno son parches e non van á raiz do problema e a Xunta leva quince días dicindo que vai tomar medidas e aínda no saíron no DOG", quéixase.
Para darlle a volta a esta situación, desde o BNG propoñen seis grandes medidas. En primeiro lugar piden subir os impostos ás grandes empresas eléctricas que "con ese beneficios que teñen só están pagando un 19% no imposto de sociedades", reclama Bará.
Tamén suxiren un cambio no sistema de fixación de prezos do sistema eléctrico, principalmente ao sector das renovables e a nuclear, que "teñen uns prezos de producción de entre 5 e 30 euros, pero estanse vendendo entre 200 e 400. Hai que poñer topes ao prezo da enerxía", pide o nacionalista.
Baixar o IVE da electricidade ao 4%, aínda que sexa de forma temporal, é outra das demandas do Bloque, que volve esixir a creación dunha tarifa eléctrica galega que podería abaratar a factura dos fogares ata un 30%. "Sendo excedentarios na producción non ten sentido que paguemos a enerxía ao mesmo prezo ou mesmo máis cara que noutras comunidades. Existen sistemas deste tipo en toda Europa", denuncia o deputado.
Propoñen tamén intervir nos prezos da industria, especialmente naquelas de tipo electrointensivas, para que teñan uns custos fixos plurianuais que garantan a produción a uns prezos competitivos.
Finalmente, reclaman medidas sociais para que as persoas póidanse acoller a bonos eléctricos ou térmicos que compensen o incremento do custo da vida, que está a afectar principalmente ás rendas máis baixas.
Relacionadas:
-
Os negocios pontevedreses apértanse o cinto para afrontar subidas da luz superiores ao 200%
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
Cinco establecementos da cidade recibiron achegas de case 30.000 euros do "Bono Enerxía Peme"
Por Redacción |
-
A construción alerta do risco "mortal" para o sector se os Concellos non revisan os prezos das obras adxudicadas
Por Anxo Lourido |
-
O BNG pide establecer tarifas máximas da luz e rebaixar temporalmente impostos
Por Oskar Viéitez |
-
UXT e CCOO piden na rúa medidas "urxentes e contundentes" contra a subida de prezos
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Actos para informar á cidadanía sobre os seus dereitos no consumo e o funcionamento da factura da luz
Por Raquel Currás Martínez |
-
A alza e escaseza de materias primas e o valor da enerxía están a levar á inviabilidade económica a moitas empresas
Por Redacción |