Absolven o veciño de Ponteareas acusado de agredir sexualmente a súa esposa
Por Oskar Viéitez
A Sección Cuarta de la Audiencia provincial de Pontevedra absolve a Juan L.L., acusado de agresión sexual á súa esposa no ano 2012 en Ponteareas.
Durante o xuízo, Juan L.L, negou a acusación e asegurou que si que mantivo unha relación sexual con ela, pero que esta foi consentida. A súa muller e suposta vítima é a única testemuña directa que podería confirmar a denuncia que presentou en 2012 pero rexeitou declarar. O resto de testemuñas que poderían acreditar os feitos, dous dos seus fillos, tamén se negaron a falar ante o tribunal.
A pesar disto, o Ministerio Fiscal nas súas conclusións definitivas solicitara a penas de sete anos de prisión por un delito de violencia contra a muller, en relación de concurso cun delito de agresión sexual.
Pola defensa do acusado solicitouse a absolución do seu representado e pola acusación particular non se presentou escrito de acusación.
O Tribunal provincial entende que "non quedou acreditado que na madrugada do día 22 de xullo de 2012, o procesado mantivese relacións sexuais coa súa esposa, en contra da vontade desta".
Polo tanto nos fundamentos de dereito sinalan que "os feitos que se declaran probados non son constitutivos do delito que o Ministeiro Fiscal atribuíu ao procesado". E engade que non hai proba de cargo "abondo para formar unha convicción de culpabilidade fronte ao acusado".
O fiscal do caso, Juan Carlos Aladro, sostivo durante o xuízo que os feitos polos que acaba de ser absolto o acusado, tería acontecido na madrugada do 22 de xullo de 2012 no domicilio no que convivía coa súa muller e un dos seus fillos na parroquia de Santiago de Oliveira en Ponteareas. Unha semana despois, a súa esposa denunciou que el chegou bébedo á casa, golpeou varias veces a porta do seu cuarto (durmían separados e ela tiña a porta pechada) e, cando ela abriu, obrigouna a manter relacións sexuais mentres a insultaba e ameazaba.
Ante a falta de proba o Tribunal determina que "procede acordar a súa absolución con todos os pronunciamentos favorables".