Dous feridos ao caer un coche por un terraplén e chocar contra unha árbore en Vilaboa
Por Redacción
Dúas persoas resultaron feridas e foron trasladadas ao Hospital QuirónSalud Miguel Domínguez de Pontevedra tras sufrir un accidente á primeira hora da tarde deste luns na estrada N-554 ao seu paso por Vilaboa.
Segundo a información facilitada polo 112 Galicia, as dúas persoas circulaban nun turismo que, por motivos aínda por determinar, caeu por un terraplén e chocou contra unha árbore.
O sinistro produciuse no punto quilométrico 7 da N-554 uns minutos antes das 15.30 horas deste luns. Varias persoas particulares chamaron ao 112 Galicia e contaron que o coche quedara envorcado nunha zona de monte.
Tras recibir a alerta do accidente, desde o CIAE 112 Galicia solicitouse a mobilización dos profesionais sanitarios, dos axentes da Garda Civil de Tráfico, dos Bombeiros do Morrazo e de Protección Civil.
Os servizos de emerxencias tiveron que axudar a estas dúas persoas a saír do turismo e, tras recibir unha primeira asistencia, foron trasladadas en ambulancia ao hospital.