O BNG esixe ao Goberno que continúe a busca dos mariñeiros do Villa de Pitanxo
Por Redacción
O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, vén de anunciar novas iniciativa para exixir ao Goberno do Estado que active a busca dos mariñeiros desaparecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo.
O BNG apoia a reclamación dos familiares para que se baixe ao pecio para estudar a situación e a mellor maneira de rescatar os falecidos e cualifica de "vergoñoso" e de "actitude inaudita" que a administración central lles comunicase que renuncian á procura dos falecidos.
Néstor Rego asegura que "entendo a indignación dos familiares, porque, efectivamente é a un feito vergoñoso e doloroso que o Goberno español pretenda desentenderse" e unha "clara falta de respecto aos 21 falecidos, ás súas familias e a toda a xente do mar", sinala o deputado.
Ademais, o BNG rexeita as explicacións dadas polo delegado do Goberno na Galicia e outros responsables da administración central de que non é posible chegar ao barco.
"O Estado español ten medios máis que suficientes, incluídas fragatas da Armada, para poder afrontar esta operación. É triste dicir isto, mais temos a certeza de que se en vez de mariñeiros galegos fosen soldados da Mariña española, faríanse todos os esforzos posíbeis por rescatalos. Pois ben, os nosos mariñeiros non son menos que ninguén e merecen o mesmo respecto", salienta Rego.
Por último, o BNG tamén apoia outro dos argumentos da portavoz das familias como é que a Fiscalía sinalou a existencia de indicios de homicidio imprudente no afundimento do Villa de Pitanxo, "cuestión pola cal con máis razón o visionado do estado do barco achegaría datos para o bon discorrer da investigación e, consecuentemente, para o esclarecemento da verdade".