O Instituto Tecnológico de Castilla y León reactivará o servizo municipal de préstamo de bicicletas en Vilagarcía
Por Redacción
O Instituto Tecnológico de Castilla y León (ITCyL), unha empresa radicada en Burgos, é a elixida polo Concello de Vilagarcía para reactivar e ampliar o servizo municipal de préstamo de bicicletas, "Vaibike!".
Despois de longos meses de tramitación, que incluíu unha licitación deserta, a mesa de contratación propuxo a ITCyL como gañadora do concurso e será este martes cando o goberno local ratifique esa adxudicación por 175.450 euros, apenas 3.000 menos do presupostado na licitación, e co prazo de execución previsto: catro meses.
O renovado "Vaibike!" pasará así de 5 a 16 estacións e contará con 79 bicicletas, catro das cales serán "handbike", é dicir, adaptadas para o uso con cadeira de rodas. Como melloras, a empresa ofreceu ampliar en seis meses a garantía inicial, aportar 11 unidades de cadeiras portabebés para bicicletas e unha resposta garantida para reparacións ou substitucións en 24 horas.
Instituto Tecnológico de Castilla y León xa xestiona outros servizos similares ao "Vaibike!" en cidades como Burgos, Avilés, Rivas Vaciamadrid, Badajoz ou Denia.
A actuación é financiada a través dos fondos FEDER da Unión Europea, dentro da estratexia de desenvolvemento urbano sostible e integrado (Edusi) "Vilagarcía Avanza".
Relacionadas:
-
Vilagarcía, finalista nos premios Bikefriendly 2023
Por Oskar Viéitez |
-
Ravella abre o proceso de participación cidadá do PMUS coa constitución da mesa da mobilidade 'Velaívai!'
Por Redacción |
-
Xa está operativo o Vaibike, o servizo municipal de bicicletas de Vilagarcía
Por Redacción |
-
Vilagarcía quere volver pedalear
Por Redacción |