Preto dun cento de visitantes preguntaron esta semana polas propostas turísticas de Cuntis
Por Redacción
A oficina de Turismo do Concello de Cuntis detecta un incremento da actividade turística na vila con preto dun centenar de visitas ao longo desta penúltima semana de marzo. As persoas que se achegaron durante estes días mostraron un especial interese polo patrimonio arqueolóxico e os roteiros de sendeirismo.
A maioría de visitantes pernoitaron no municipio e, sobre todo, aproveitando as instalacións termais, grazas á recuperación da actividade habitual no funcionamento do balneario, segundo informa o goberno local.
A través dos programas do Imserso, espérase que ao redor de 200 persoas participen quincenalmente das termas. Tamén se detectou un incremento nas estancias das casas rurais tanto de Cuntis como da contorna durante estas xornadas.
A maioría de visitantes proceden de Cataluña pero tamén se rexistran turistas de cidades do sur de España como Málaga, Granada ou Cáceres. Esta presenza fai que o goberno local teña boas expectativas para a Semana Santa e á tempada de verán.
O alcalde Manuel Campos confía no atractivo que ofrece o municipio coa combinación dos recursos termais coas ofertas naturais e patrimoniais como modelos que evitan a masificación, unha opción que busca o turismo que ten obxectivo o descanso e coidado da saúde.
A maior parte das consultas recollidas na Oficina de Turismo céntranse nas rutas de sendeirismo e as persoas que solicitan información tamén mostran moito interese polo centro histórico da vila termal.
Desde o goberno local indican que están a traballar para consolidar o turismo como un elemento de ingresos económicos locais e para este obxectivo recupéranse as visitas guiadas gratuítas, a elaboración de novos roteiros, a edición de material informativo ou a promoción en redes sociais de Cuntis como destino de calidade turística.
Ademais, impulsouse a colaboración coa Fundación Castrolandín para que os visitantes coñezan o xacemento do mesmo xeito que a potenciación do atractivo turístico da reitoral de San Fins de Estacas.
Relacionadas:
-
Promoción do turismo de natureza e saúde de Cuntis na Semana Verde de Silleda
Por Redacción |
-
Escolares de Cuntis convértense en "arqueólogos por unha hora"
Por Redacción |
-
Impulsan un proxecto piloto destinado a modernizar destinos termais do que se beneficiaría Cuntis
Por Redacción |
-
Regresa o programa Depotermal despois de dous anos ofertando 4.424 prazas
Por Redacción |
-
Manuel Campos pretende establecer alianzas para impulsar o sector do termalismo
Por Redacción |