A banda de música ofrece unha xornada didáctica ao alumnado do CEIP da Lama
Por Redacción
A Banda de Música do Concello da Lama celebrou este venres unha sesión didáctica co alumnado de varias clases do CEIP do municipio.
O encargado de presentar a xornada foi o director da agrupación musical, Juan Alén Castro, que acompañado de varios músicos que se achegaron ao centro educativo, explicaron aos nenos e nenas a importancia da música co fin de fomentar a súa curiosidade por ese mundo.
Explicou o concelleiro de Cultura e Deportes, Daniel Vidal, que o encontro entre a banda e os nenos e nenas do centro educativo tivo a intención de "presentar esta agrupación e animalos a coñecer de preto os instrumentos que tocan estes músicos e ver se somos quen de animalos a que se interesen pola aprendizaxe do seu manexo”.
Vidal engadiu que esta posta en marcha da banda municipal pode ser un "tirón para fomentar o coñecemento activo da música por parte dos nenos e nenas do noso municipio. Gustaríanos moito crear unha escola de música ligada á banda coa intención de ir criando un viveiro de músicos que pouco a pouco foran tamén, no futuro, incorporándose a esta agrupación".
O director da banda, Juan Alén Castro, fixo unha pequena introdución das distintas características que diferencian aos instrumentos que forman parte dunha banda e animou aos nenos e nenas presentes a palpar, sentir nas súas mans e coñecer de preto os saxofóns, trompetas, caixas e tambores amosados.
Esta actividade estivo promovida polo Concello da Lama e contou coa colaboración da dirección, do corpo docente do centro educativo e da ANPA coa intención de ampliar o nivel de coñecemento e fomentar a curiosidade dos cativos polo mundo da música.