Antón Prieto: Acabouse, Marcelo
Por Antón Prieto
Marcelo foise silandeiro, como andivo polas contornas da vida... discreto, educado, serio e xeneroso. Coñecino no último treito dos seus días, cando rozaba a xubilación e cruceino varias veces pola rúa, xa arrastrando a enfermidade pulmonar que o xoves de defuntos acabou con él nunha cama de hospital.
O seu galego con acento porteño transmitía ese falar nostálxico e soñador da Boca, sempre coa palabra atinada para a rexeneración moral que compartíamos nas nosas conversas, só algunhas veces breves. Daba xenio escoitalo con esa verdade reverencial do xornalista maduro, da xente que xa non ten que pedir permiso para falar.
Foise un mestre que daba gusto seguir. Aquel que ganou a pulso a autoridade e conquistou, coas súas canas humildes, o corazón dos descreídos, dos que imos polo mundo a tentas e reverenciamos á xente sabia coma él.
Apagouse a chama dun home reflexivo e auténtico, dun militante da razón, bébedo de libertade, digno como un cabaleiro antigo, aínda marxista como os vellos, galeguizante como poucos, entusiasmado co cambio urbano que viviu en Pontevedra nos últimos anos a bordo de Radio Nacional.
Sereno e tranquilote, interviña con gran forza moral en calquera discusión sobre as máis variadas cuestións. Sempre altermundista, comprometido coa rexeneración do ser humano, radical e inmenso na meridiana claridade con que diagnosticaba, en pausado diálogo, calquera extremo da actualidade.
Pontevedra queda sen un gran xornalista; moitos de nós sen o inmenso pracer de devanarnos os sesos nunha esquina calquera de Benito Corbal e chegar tarde, pero feliz, a unha cita sempre menos interesante que a súa conversa.
Acabouse, Marcelo. Dame unha aperta. Moitos seguiremos arando e cantando, na túa memoria e na de tantos outros que resistiron coa palabra libre e a voz clara, sen integrarse no predio de sombras que tanto gusta aos donos deste mundo do que te fuches.