Un pago por Bizum delata un vendedor de droga de Pontevedra
Por Redacción
O pagamento a través de aplicacións móbiles facilítanos moito a vida pero, en ocasións, tamén axuda ás autoridades a descubrir feitos delituosos. É o caso do que sucedeu en Pontevedra cun home de 37 anos que foi detido por vender droga nunha rúa da cidade.
A Policía Local logrou identificalo a raíz do pagamento que recibiu a través de Bizum por parte do comprador da droga. Está acusado dun delito contra a saúde pública.
Este operativo desenvolveuse o pasado 18 de marzo na zona da avenida María Victoria Moreno. Contra as seis da tarde, explican desde este corpo policial, unha patrulla púxose en alerta tras ver unha persoa moi nerviosa preto dunha cafetería.
Este individuo, que os axentes xa identificaran en intervencións anteriores de consumo e venda de droga polo miúdo, quedara con outro home -que logo foi detido- coñecido por traballar nun local da zona monumental de porteiro e por ser sospeitoso de vender cocaína.
Os policías comprobaron como o último en chegar contactou co mozo que permanecía á espera e que lle fixo entrega, de xeito disimulado, dun envoltorio que o comprador colleu e gardou no peto traseiro do pantalón.
Tras intervir a mercadoría, que resultou ser un envoltorio de plástico cun gramo de cocaína dentro, os axentes viron que o pago da droga fora realizado a través de Bizum, mediante a que o comprador fixera ao vendedor un ingreso de 50 euros.
Unha vez constatada a venda de substancias estupefacientes, os axentes procederon coa detención do vendedor e co seu traslado a dependencias policiais para a súa posta a disposición xudicial.