Os premios Mestre Mateo convértense nunha homenaxe aos 21 falecidos da man do marinense Gaspar Broullón
Por Natalia Puga
Os premios Mestre Mateo que se entregaron na noite deste sábado no recinto Expocoruña da cidade herculina convertéronse nunha pequena homenaxe aos 21 falecidos e desaparecidos do Villa de Pitanxo. Fixérono da man do marinense Gaspar Broullón, que recolleu o premio á mellor montaxe lembrando a estes 21.
Broullón recolleu o premio á mellor montaxe pola serie Hierro, da produtora Portocabo, e, no discurso de agradecemento tivo un recordo para eles. "Eu querería acordarme hoxe dos fillos do Villa de Pitanxo", sinalou, tras indicar que, dado que a gala celebrábase o 19 de marzo, todos acordábanse dos seus pais.
O xornalista, realizador, editor e produtor audiovisual apuntou a súa orixe marinense e o motivo deste recordo: " Eu son de Marín e hai 21 familias que perderon os seus pais loitando por que os seus fillos tivesen un futuro".
Na mañá deste domingo, as familias quixeron agradecer esta pequena homenaxe. En nome de todas elas, o seu portavoz, María José de Pazo, deu "inmensas grazas por esta dedicatoria" en nome das 21 familias e "en especial, os orfos e orfas do Villa de Pitanxo".
"Merece un premio ao agarimo demostrado con este gran xesto", agradeceu.
Gaspar Broullón, gañador á mellor montaxe nos #XXMestreMateo, dedica o premio aos fillos dos mariñeiros falecidos no Vila do Pitanxo.
— TVG (@TVGalicia) March 19, 2022
Sigue a entrega de premios aquí https://t.co/HJac3LNJRs pic.twitter.com/9vB1Bo97pt