Un Plan Director para protexer o casco histórico de Cuntis e marcar a súa folla de ruta futura
Por Redacción
O Concello de Cuntis anuncia este sábado unha actuación que busca protexer o seu casco histórico e mellorar as súas condicións de habitabilidade. En concreto, van sacar a licitación a redacción dun Plan Director que marque as liñas básicas de actuación nos vindeiros anos "a fin de preservar a súa riqueza patrimonial e cultural" .
Tal e como informou o seu alcalde, Manuel Campos, o Plan Director será un documento técnico que facilitará as claves para humanizar e adaptar o casco histórico ás condicións de habitabilidade e benestar necesarias actualmente para a veciñanza, así como para protexer os elementos de valor e potenciar a súa actividade.
A empresa que resulte adxudicataria disporá de 12 meses para a redacción do traballo, que se desenvolverá en dúas fases. Primeiro vanse documentar os elementos arquitectónicos e patrimoniais existentes e valorar o seu estado actual, logo vanse elaborar as directrices e propostas de acción e logo o documento recibirá o seu formato definitivo. O documento final incluirá un calendario de execución e unha valoración económica dos traballos a realizar.
O Concello licita unha actuación que vai delimitar o casco antiguo, pero tamén traballar noutros eidos e marcar as bases para que Cuntis avance como localidade inclusiva, segura, resiliente e sostible.
Para a redacción deste Plan Director, o Concello vai ter en conta a opinión de todas as asociacións implicadas. Constituiranse Mesas de Traballo nas que os colectivos aporten as súas suxestións para dinamizar determinados sectores produtivos con máis presenza no casco histórico e para fixar as canles de protección e garantías de uso público de valores específicos como as fontes termais.
O alcalde de Cuntis, Manuel Campos, ten claro que o municipio necesita un salto cualitativo, no que "o valor das termas e o seu empuxe no desenvolvemento turístico é unha das claves". Por iso é polo que confía nas pautas que achegue un Plan Director que, entre outras cuestións, estableza as estratexias para solicitar a declaración do casco histórico como Área de Rehabilitación Integral.
Para Manuel Campos outra das prioridades ineludibles que ten que recoller o Plan Director é a mellora da eficiencia enerxética e a aposta polas enerxías renovables para o que será necesario establecer as actuacións previas precisas.
Relacionadas:
-
Promoción do turismo de natureza e saúde de Cuntis na Semana Verde de Silleda
Por Redacción |
-
O Concello e o Xulgado de Paz de Cuntis substitúen a súa iluminación por lámpadas de baixo consumo
Por Redacción |
-
Cuntis sinaliza os recursos turísticos de carácter relixioso
Por Redacción |
-
Cuntis promove a reactivación turística do municipio
Por Redacción |
-
Cuntis rehabilitará o lavadoiro termal municipal
Por Redacción |