O Concello estuda a ampliación do estacionamento para bicis ao contar cuns datos "óptimos" sobre o seu uso
Por Redacción
Co avance na redacción do Plan de Mobilidade Urbana Sostible (PMUS) por parte do Concello, os estudos do funcionamento da cidade ofrecen diversas conclusións, entre elas a situación da bicicleta na cidade.
Segundo estes datos, o concelleiro de Mobilidade, Demetrio Gómez, avanzou que a bicicleta conta cuns datos "óptimos" na Boa Vila e posúe unha ampla zona de aparcadoiros cun total de 434 prazas distribuídas por toda a trama urbana e que facilita o uso deste vehículo.
Lembra Gómez que o 'Pillabici' funcionou entre os anos 2008 e 2011, cuxo obxectivo foi fomentar o uso da bici entre os pontevedreses. Un obxectivo "conseguido cando ao final do programa, a veciñanza xa usaba máis a súa propia bicicleta que as ofrecidas polo Concello".
"A partir dese momento", lembra o concelleiro, "o Concello adoptou unha nova estratexia para a promoción da bicicleta. Xunto ao calmado de tráfico que fai que as bicis poidan circular con completa seguranza polas calzadas, pisouse a fondo o acelerador para aumentar o número de puntos de aparcadoiro e a discriminación positiva fronte a outros vehículos". Na actualidade, a cidade conta cun aparcadoiro de bicicletas por cada 150 habitantes.
Deste xeito, a distribución dos puntos de aparcadoiro foi facéndose unha "prioridade" nas zonas da cidade que atraen persoas susceptíbeis de usar este vehículo. Así, hai 150 puntos achegados aos centros educativos, 60 en parques e zonas verdes, 50 en equipamentos deportivos e 57 noutros equipamentos, tanto sanitarios como administrativos.
No outro estremo dos posibles percorridos que se fagan en bicicleta, 144 prazas están en zonas residenciais. Para favorecer a intermodalidade tamén hai 20 prazas de aparcadoiro repartidas nas estacións de autobuses e trens.
Relacionadas:
-
Retirar tráfico motorizado das beiras do Lérez, un dos obxectivos marcados no Plan de Mobilidade Urbana Sostible
Por Redacción |
-
Pontevedra conta con 1.953 prazas en aparcamentos disuasorios e 4.220 de pago
Por Diego Espiño |
-
Pontevedra ten 109 vehículos eléctricos censados e conta con 21 puntos de recarga
Por Redacción |
-
O PP pide que Lores se desculpe por "perder" os fondos de recuperación Next Generation
Por Raquel Currás Martínez |
-
Pontevedra non solicitou fondos Next Generation en materia de mobilidade sostible
Por Alejandro Espiño |