Urxen medidas para dar máis seguridade ao traballo no mar: "chorar os mortos é necesario, pero non suficiente"
Por Redacción
"Mostrar pesar polo sucedido é un xesto de humanidade, pero buscar solucións para que non volva suceder é unha necesidade, unha obrigación". Así se expresa este sábado a Asociación de Titulados Náutico Pesqueiros ( AETINAPE) en relación co naufraxio do Villa de Pitanxo e o funeral conxunto polos 21 falecidos celebrado en Marín.
Para este colectivo, "chorar aos mortos é necesario, pero non suficiente" e considera que a celebración do funeral supón "un recordo simbólico ao máximo nivel para honrar a vida" dos tripulantes que pereceron, e por tanto, resulta moi necesario, pero a liturxia "non debe facer esquecer outro tanto ou máis necesaria homenaxe ás vítimas": as reformas normativas que deben levar a cabo para tratar de minimizar os riscos no mar.
Así, alertan de que o "necesario e sincero" xesto colectivo de celebrar un funeral ten o risco de converterse nunha "arma propagandística" dos gobernos, algo que "ocorre se non vai acompañado de accións derivadas das leccións aprendidas no terrible suceso".
A asociación entende que a burocracia manexa prazos lentos, pero "por moi lenta que sexa, as autoridades xa están a tardar en iniciar fórmulas, tanto de presión como de execución", ao redor de mellorar as normativas de prevención da seguridade marítima e do traballo a bordo.
Ademais das medidas máis directas que Aetinape xa reclamou tras o naufraxio, agora sostén que haberá que tomar nota de cantas circunstancias rodearon ao caso, cuestión que debe abordar a Comisión Permanente de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos, organismo do Ministerio de Transportes, Movilidad e Axenda Urbana, que abriu de oficio unha investigación.
As medidas das que xa falou Aetinape pasan por regular as condicións a partir das cales un buque ten obrigatoriamente que deixar de faenar e quedar á capa, á hora de establecer os límites do risco extremo, unha medida que algúns países nórdicos xa adoptaron.
Tamén fala da obrigación de incorporar ramplas de guillotina aos buques, como ocorre por exemplo en Francia e outros países da Unión, lograría tamén condicións de maior seguridade.
Así mesmo, sosteñen que os barcos, especialmente os que faenan en zonas altamente perigosas, deberían navegar con equipamentos tecnolóxicos punteiros, por exemplo botes de rescate insumerxibles.
Ademais, deberían homologarse traxes de supervivencia que permitan realizar a faena de cuberta con normalidade e que sexa intrinsecamente illante, insumerxible e dotado de radiobaliza persoal de localización, tal e como ocorre cos chalecos salvavidas. Este tipo de indumentaria permite que en caso de caer ao mar, a temperatura do seu corpo non descenda máis de dous graos centígrados tras seis horas na auga, e permite traballar a bordo con operatividade.
Relacionadas:
-
Presentan en Marín un "revolucionario" salvavidas mariño teledirixido
Por Manu Otero & Mónica Patxot |
-
A "empatía" dos Reis e Samuel, "baluarte da verdade", únicos consolos para a "inmensa dor" das familias
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |
-
Os Reis arroupan ás familias do Villa de Pitanxo e Marín recibe con aplausos a Samuel
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |