Luís López destaca o traballo a favor da igualdade do CEIP Marcón
Por Redacción
O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, visitou este venres o CEIP de Marcón para manter un encontro coa estudante Nadia Fernández Vázquez, premiada no concurso escolar de carteis do Goberno Galego polo 8 de Marzo, Día Internacional da Muller.
O representante autonómico salientou o traballo e a educación en valores a prol da igualdade que está a facer o colexio. "É un exemplo do moito que se está a facer no ensino en Galicia para avanzar na consecución da igualdade real e efectiva entre mulleres e homes e ademais os centros educativos son o espazo máis importante para traballar nesta liña porque as nenas e nenos están en fase de formación e son os que marcarán o futuro da nosa terra", explicou.
O representante autonómico, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, foi recibido pola directora, Carmen Lens, e pola titora de 1º de Educación Primaria, Silvia Puga, para coñecer este colexio público e, posteriormente, departir coa alumna distinguida co segundo premio da categoría infantil do citado concurso e cos seus compañeiros de curso. Neste encontro entregoulles a todos un pequeno agasallo consistente en material
promocional do Xacobeo 2021-2022.
O deseño elaborado por Nadia Fernández Vázquez, co título 'A igualdade está nas nosas mans', promove a igualdade de dereitos e responde, cunha bonita estética, ao fomento da promoción da igualdade nos centros educativos, a visibilización da imprescindible contribución das mulleres á sociedade e o impulso da reflexión sobre os estereotipos e as discriminacións por razóns de xénero.
O certame celebrou a entrega de premios no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) en Santiago de Compostela, foi impulsado pola Secretaría Xeral de Educación e Formación Profesional e a Secretaría Xeral da Igualdade da Xunta.