O personal do Campus de Pontevedra volve ás aulas
Por Redacción
Nunca é tarde para volver a estudar e máis se é na institución na que se traballa. Eso deberon pensar varios membros do Persoal de Administración e Servizos da Universidade de Vigo. Desde este curso, asumen un dobre papel dentro da institución, o de traballadores pero tamén o de alumnos.
Dous deles, Luis Torres e Antonio Vázquez, decidiron matricularse este ano no Grao en Dirección e Xestión Pública co obxectivo de mellorar as súas competencias profesionais no eido da administración. Ambos fan un balance "moi positivo" da experiencia tras dous meses nas aulas, especialmente pola compatibilidade horaria, xa que as clases de tarde permítenlles cursar a meirande parte das materias impartidas.
"A modalidade semipresencial axúdanos a compaxinar as dúas cuestións e aínda que perdemos algunha lección polas nosas responsabilidades laborais, sempre a recuperamos grazas ao apoio do profesorado e dos compañeiros e compañeiras", explica Luis Torres, persoal da Escola de Enxeñaría Forestal.
O certo é que o grao, tal como apunta o seu coordinador Celso Cancela, "contempla unha oferta formativa moi idónea para os empregados públicos en xeral", actualizando as súas competencias profesionais para unha posible promoción interna e revertendo nunha mellora dos servizos da administración.
Unha titulación atractiva para o persoal das administracións
Tanto Luis Torres como Antonio Vázquez recomendan a experiencia ao resto de compañeiros de profesión a pesar do esforzo persoal que supón compatibilizar o horario laboral coas clases. "Sacrificamos tempo de ocio sobre todo, pero compénsanos co que estamos aprendendo", matiza Torres, o que pon de manifesto que "a aprendizaxe non entende de idades e que calquera momento é bo para ampliar coñecementos".
O 15% do alumnado deste grao universitario son traballadores da administración pública
Estes dous alumnos tan especiais recoñecen levarse "moi ben" cos seus novos compañeiros de clase a pesar das diferenzas de idade. "Déixannos os apuntes e todo o que nos faga falta e tamén nos convidan a todas as ceas que organizan", comentan Vázquez e Torres que tamén forman grupo co resto de alumnado que traballa nas administracións públicas, os que representan sobre un 15% do total da matrícula do grao.
"Na súa meirande parte son funcionarios e funcionarias do eido local, unha porcentaxe que se incrementa se consideramos o estudantado que procede do sector privado", asegura Celso Cancela, que engade que a experiencia práctica do alumnado que traballa na administración "enriquece notablemente as sesións presenciais".
Nestes dous meses de clase, Torres e Vázquez confesan sentirse "sorprendidos" pola utilidade diaria dos coñecementos que están adquirindo, sobre todo os relacionados coa actualidade económica. "A flexibilidade horaria foi o que me animou a matricularme, pero agora estou máis que animado a continuar xa que estamos aprendendo conceptos que nos axudan a entender a conxuntura actual", subliña Antonio Vázquez.