Benito Corbal estrea o venres a súa peonalización, dúas semanas antes do previsto
Por Alejandro Espiño
As obras de peonalización de Benito Corbal, entre Sagasta e Daniel da Sota, avanzan a bo ritmo. Tanto que o concelleiro de Obras Urbanas, Luís Bará, sinalou este luns que finalizarán dúas semanas antes do previsto inicialmente. "Queda moi pouco por facer", explicou, como finalizar a colocación do lastro na calzada e facer "pequenos remates", entre eles, colocar a sinalización horizontal e vertical e instalar varios bancos.
Para agradecer a "colaboración veciñal" durante estes traballos, o goberno municipal pretende inaugurar esta obra cunha festa que terá lugar este venres 15 de novembro ás 19.00 horas. Haberá unha actuación dunha banda de música e para celebrar que os pontevedreses "gañamos un espazo para a actividade social, comercial e para a veciñanza" colocaranse butacas para poder asistir sentados a este concerto.
Bará recordou que as obras deberían haberse finalizado "na primeira ou segunda semana de decembro" e sinalou que o traballo dos técnicos municipais e da empresa que executa os traballos permitiu reducir os prazos dunha peatonalización que se executou "a pesar dá suposta desfeita denunciada polo PP" nun "tempo récord". As obras comezaron o pasado 7 de outubro.
BANCOS EN VALENTIN GARCIA ESCUDERO
Un día antes completaranse as obras de adecuación da contorna da praza Valentín García Escudero. A melloría do tempo permitiu que se poida instalar o chan de caucho no parque infantil situado na zona máis próxima a Arcebispo Malvar. Inaugurarase o xoves cunha festa para os máis pequenos. Ademais, o Concello deu orde de colocar "entre oito e dez" bancos nos paseos perimetrais da praza e nas proximidades da parada de autobús.
Relacionadas:
-
Unha "festa cidadá" dá a benvida a Benito Corbal á área peonil da cidade
Por Alejandro Espiño & Mónica Patxot |
-
A Banda de Música de Pontevedra amenizará a inauguración da zona peonil de Benito Corbal
Por Anxo Lourido |
-
Críticas do Partido Popular á "improvisación" coa que se executan as obras en Benito Corbal
Por Alejandro Espiño |
-
"Normalidade absoluta" no primeiro día de corte ao tráfico de Benito Corbal para a súa peonalización
Por Natalia Puga & Mónica Patxot |