Haberá un funeral conxunto polos 21 falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño
Marín, a localidade na que o Villa de Pitanxo tiña o seu porto base, acollerá o vindeiro venres 18 de marzo o funeral conxunto polos 21 tripulantes falecidos o naufraxio do barco en augas de Terranova (Canadá).
O arcebispo de Santiago, Julián Barrio, será o que oficie este funeral, que se celebrará ás seis da tarde no Templo Novo, segundo confirmaron as familias dos mariñeiros.
A cerimonia lembrará aos nove mariñeiros cuxos corpos puideron ser recuperados tras a catástrofe: Fernando Santomé, Juan Antonio Cordeiro, William Arévalo, Rogelio Franco, Miguel Lumbres, Ricardo Alfonso Cruz, Apaanah Pelungo e os curmáns Daniel More e Diego More.
Este recordo farase extensible aos doce tripulantes que, a pesar de ser declarados oficialmente como falecidos, continúan desaparecidos.
Trátase de Fernando González, Ricardo Arias, Raúl González, Francisco de Pazo, Edwin Córdova, Edemon Okutu, Juan Martín Frías, Michael Tetteh, Francisco Manuel Navarro, Jonathan Calderón, Martín Quino e Pedro Herrera.
GOBERNO BUSCA "SOLUCIÓNS" PARA RETOMAR A PROCURA
Sobre a posibilidade de retomar as tarefas de procura dos doce desaparecidos, o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, apuntou que "segue encima da mesa" o traballo para buscar "solucións" que permitan renovar estes traballos.
"Entendo perfectamente aos familiares nas súas reivindicacións", sinalou Miñones sobre o malestar das familias ante a falta de noticias.
O Goberno non descarta enviar robots a buscar os restos do barco, ante a posibilidade de que haxa mariñeiros atrapados dentro, pero explican que as empresas especializadas teñen que "trasladar as súas necesidades para actuar alí con seguridade"
O "prioritario", segundo o delegado do goberno, "é a parte da investigación e saber o acontecido", que se trasladará ás familias "no momento no que se teña información".
Relacionadas:
-
Samuel Kwesi espera "ata o último momento" para ver se ten forzas para ir ao funeral polas vítimas
Por Natalia Puga |
-
Os Reis acudirán ao funeral conxunto polas vítimas do Villa de Pitanxo en Marín
Por Natalia Puga |
-
"Agradecemento eterno" das familias do Villa de Pitanxo a Samuel, "porque el é a voz dos 21 que non poden falar"
Por Natalia Puga |
-
A declaración dun dos tres sobreviventes dá un xiro á investigación do naufraxio
Por Natalia Puga |
-
"Esperamos que saia a verdade aínda que xa nos avisaron que atopala será complicado"
Por Alejandro Espiño |