Pontevedra substitúe unha tubaxe para garantir o abastecemento en alta de Poio e Sanxenxo "para moitos anos"
Por Oskar Viéitez
O alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e o concelleiro responsable dos investimentos do ciclo da auga, Raimundo González, visitaron este xoves as obras de instalación da tubaxe de auga que discorre por baixo da autoestrada, fronte á Comandancia da Garda Civil, e coa que "garantimos o abastecemento en alta de todos os concellos da ría para moitos anos".
Trátase dunha das últimas obras no abastecemento de alta que se acometen no Concello de Pontevedra, pero que beneficiará á subministración de Poio e de Sanxenxo.
Os traballos teñen un prazo de execución de tres meses e están orzados nuns 237.000 euros que van con cargo ao contrato da concesionaria municipal Viaqua.
A obra consiste na substitución da vella tubaxe de fibrocemento por outra de máis capacidade de inox e de fundición que tras superar a plataforma da autoestrada conéctase coa rede xeral de Poio e Sanxenxo na zona da comandancia da Garda Civil.
Fernández Lores sinalou que as tubaxes de fibrocemento sofren máis avarías e con esta mellora "estamos a garantir que desde o Concello de Pontevedra se pase unha tubaxe con capacidade suficiente para os incrementos de consumo que, especialmente no verán, teñen Poio e Sanxenxo".
Esta obra está incluída dentro dese "gran proxecto que levamos executando durante moitos anos" cos investimentos feitos polo Concello de Pontevedra "e os que liderou" a través de Acuaes (a Sociedade Estatal Augas das Concas de España, S.A). "Nós somos solidarios, obviamente, e fixemos un esforzo importante ao que logo se foron afortunadamente unindo practicamente todos os concellos", indicou Lores.
O alcalde de Pontevedra tamén asegurou que "seguimos na vangarda na xestión do ciclo da auga" porque a Boa Vila ten menos dun 4% de perdas na auga que se distribúe a fogares e empresas.
"Probablemente non haxa ningún concello, en Galicia desde logo, e probablemente no Estado que teña os datos de abastecemento e de uso deste 96% de toda a auga que se depura e que acaba na billa", presumiu Fernández Lores.
Relacionadas:
-
Pontevedra alegará ao contrato do ciclo do auga de Sanxenxo ao entender que quere pagar a un custo menor do real
Por Natalia Puga |
-
Estudan a constitución dunha entidade supramunicipal que xestione o abastecemento de auga aos concellos da ría
Por Redacción | Creada e actualizada
-
Impulsan novas obras de saneamento en Cerponzóns e de abastecemento en Marcón e Tomeza
Por Alejandro Espiño |
-
O Concello de Poio sacará a concurso proximamente o novo contrato da auga
Por Oskar Viéitez |
-
Pontevedra creará un centro de interpretación da auga con fondos Next Generation
Por Alejandro Espiño |
-
Todo preparado para que a planta de tratamento de auga potable de Lérez xere enerxía eléctrica para auto abastecerse
Por Anxo Lourido |
-
Prealerta de seca pola falta de choivas e o descenso de caudais nos ríos
Por Oskar Viéitez |