Organizan un Entroido solidario en Campo Lameiro a beneficio dos refuxiados de Ucraína
Por Redacción
Campo Lameiro celebrará o seu Entroido o próximo sábado 12 de marzo. Farao cunha festa solidaria na que todos os cartos recadados co reparto de filloas e orellas entre os asistentes irán destinados a mercar axuda humanitaria para os refuxiados pola guerra de Ucraína.
A festa, que se celebrará entre as 17:00 e as 20:00 horas na Praza do Concello, estará amenizada polo DJ Javi Solla.
Para aquelas persoas que queiran colaborar no envío de material humanitario a Ucraína, o Concello de Campo Lameiro habilitou un espazo na casa consistorial para recoller ese material de luns a venres de 9 a 14 horas e tamén na biblioteca, os martes e xoves pola tarde.
Todo o recollido será enviado a Ucraína a través da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) que se está a coordinar cos concellos galegos para facer chegar de xeito eficaz e seguro toda a axuda humanitaria que se xunte ata as vítimas desta barbarie.
O alcalde, Carlos Costa, salientou o espírito solidario e colaborador dos veciños do municipio e avanzou que solicitará a colaboración dos asistentes facendo un pequeno donativo "porque toda axuda é pouca para asistir a tanta xente".
Relacionadas:
-
Unha máscara xigante e un gran desfile para celebrar o final do Entroido en Campo Lameiro
Por Redacción |
-
Os concellos habilitan liñas de cooperación humanitaria con Ucraína e de acollida de refuxiados
Por Oskar Viéitez |
-
Habilitan no aparcamento de Nauta un punto de recollida de axuda humanitaria a Ucraína
Por Redacción |
-
A Casa de Cultura de Cuntis recolle artigos de primeira necesidade para o pobo ucraíno
Por Redacción |