A estrada Taboadelo-Vela necesita un muro para evitar novos desprendementos
Por Redacción
Operarios do Concello de Ponte Caldelas procederon a realizar obras de desentullo e afianzamento do terreo na estrada Taboadelo-Vela (Soutomaior) para evitar novos desprendementos por efecto das intensas chuvias que estes días caen sobre a zona.
Os traballos realizados, e que se prolongarán ao longo da próxima semana, consisten na retirada de pedras e terra que se foi despredendo pola pendente existente neste sinuoso camiño que comunica a parroquia de Taboadelo (Ponte Caldelas) co veciño municipio de Soutomaior á altura do lugar de Vela.
A intención do Concello é levantar un muro dique de contención do terreo e evitar así os continuos desprendementos que se veñen producindo nas inmediacións deste vial e que preocupan aos veciños que teñen que utilizar habitualmente esta estrada para facer os seus desprazamentos.