Falece Marcelo Otero, exdirector de RNE en Pontevedra e mestre do xornalismo pontevedrés
Por Redacción
Malas novas para o xornalismo galego. Hai unhas horas falecía nun hospital de Vigo, Marcelo Otero. Vencellado durante a súa longa traxectoria profesional aos medios públicos, en Radio Cadena Española e Radio Nacional de España, onde foi director das emisoras de Ourense e Pontevedra, foi un dos fundadores do Diario Atlántico.
A Marcelo Otero, mestre de varias xeracións de xornalistas, recórdaselle especialmente polo seu gran labor como comentarista deportivo. Foi a voz dos partidos do Celta durante os anos 70 e 80, antes de pasar a desempeñar labores directivos en Radio Nacional de España.
Fillo de emigrantes galegos na Arxentina, Marcelo Otero chegou a España a mediados dos anos 60. Os seus últimos anos, xa retirado da profesión xornalística, pasounos na cidade de Pontevedra. Un dos últimos e merecidos recoñecementos ao seu traballo tivo lugar en 2008, cando recibiu de mans da Federación Galega de Prensa Deportiva o premio á súa prolífica carreira profesional.
Desde PontevedraViva unímonos ao sentimento de pesar que sacode aos xornalistas de Pontevedra, entre os que Marcelo Otero deixou un gran recordo, persoal e profesionalmente.