"Esperamos que saia a verdade aínda que xa nos avisaron que atopala será complicado"
Por Alejandro Espiño
Case tres horas declararon os familiares dos mariñeiros do Villa de Pitanxo ante a comisión oficial que investiga o naufraxio do barco, afundido o pasado 15 de febreiro en augas de Terranova (Canadá), no que faleceron 21 dos seus 24 tripulantes.
Tras os tres sobreviventes, que foron cuestionados pola Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos nos últimos días, este venres foron seis as familias que responderon ás preguntas dos investigadores.
"Fixéronnos preguntas moi concisas. Preguntáronnos de todo. Houbo cousas que puidemos dicir e outras que descoñeciamos", explicou María José de Pazo, portavoz das familias, que non quixo dar máis detalles porque a investigación ten carácter secreto.
Os familiares, en todo caso, achegaron "soportes documentais", entre eles conversacións previas ao naufraxio mantidas por WhatsApp cos mariñeiros. "Os testemuños que achegamos hoxe son moi valiosos", sinalou De Pazo, filla do xefe de máquinas do barco.
Á investigación oficial, segundo trasladou Christopher González, fillo de Fernando González, engraxador do barco, "aínda queda moito camiño", polo que as familias entenden que será un "proceso longo" ao ter que "solicitar moita información".
"Esperamos que saia a verdade aínda que xa nos avisaron que atopala será complicado", subliñou este familiar. "É o que espero eu e o que esperan todas as familias".
Os familiares das vítimas reiteran que todos "viñemos coa verdade por diante" e esperan ser correspondidos coa mesma moeda porque "o non saber ou que certas persoas digan cousas que se saben que non son certas provócache máis dor", apuntou María José de Pazo.
Esta investigación é "crucial" para todos os achegados, que esperan que sirva para "lanzar luz" sobre as "incógnitas" que aínda rodean a esta catástrofe marítima.
En todo accidente "é bo saber a verdade", defenderon as familias ante a Subdelegación do Goberno en Pontevedra, aínda que "neste caso moito máis porque hai 21 mortos e debémosllo a eles, que descansen en paz pero que se saiba todo o que pasou".
A maiores da propia investigación, os familiares tentaron obter respostas sobre as xestións realizadas con empresas especializadas en robots submarinos para que poidan descender ata o lugar do naufraxio e comprobar se hai cadáveres dentro do pecio.
Ademais, lamentaron que Canadá "nin está nin se lle espera" con respecto a renovar as tarefas de procura dos doce mariñeiros cuxos corpos non foron atopados. "Ou o fai o goberno español ou non o fará ninguén", sentenciaron as familias.
Relacionadas:
-
Haberá un funeral conxunto polos 21 falecidos no naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño |
-
A declaración dun dos tres sobreviventes dá un xiro á investigación do naufraxio
Por Natalia Puga |
-
Os tres sobreviventes do Villa de Pitanxo xa declararon ante a comisión que investiga o naufraxio
Por Alejandro Espiño |
-
O Villa de Pitanxo tiña un historial de sancións e sentenzas da Audiencia Nacional por pesca ilegal
Por Natalia Puga |
-
Familias do Villa de Pitanxo estudan levar o naufraxio ao xulgado para que "se saiba a verdade"
Por Natalia Puga |