Poio aprobou o novo convenio do persoal municipal
Por Oskar Viéitez
A mesa de negociación do Concello de Poio aprobou este venres o novo convenio do persoal municipal.
O novo marco regulador adáptase á normativa estatal, incluíndo novas directrices como a redución de días libres e vacacións, ademais de regular algúns aspectos en canto a retribucións e compensacións en horas extraordinarias.
O centenar de traballadores que compoñen o equipo municipal beneficiaranse dalgunha novidade como é a consolidación de emprego temporal e interino.
A masa salarial non sofre cambios e seguirá sendo a de 2003.
O convenio contou co apoio dos sindicatos con representación no Concello, CSIF e CIG. Na mesa de negociación tamén participou Comisións Obreiras que foi o único sindicato que aceptou o convite formulado dende o Concello.
Agora o convenio deberá ser aprobado pola comisión de Facenda e ratificado polo pleno da Corporación municipal.