O novo Plan de Igualdade de Poio inclúe 45 actuacións a desenvolver en catro anos
Por Oskar Viéitez
A concelleira de Igualdade, Silvia Díaz, deu este xoves a coñecer os detalles do IV Plan de Igualdade do Concello de Poio, un documento que dá continuidade aos plans elaborados en anos anteriores e que ten coma obxectivo principal reafirmar, potenciar e consolidar "o importante labor" que desde a Administración local se vén realizando neste eido para "promover e consolidar a igualdade de oportunidades, de dereitos e de trato entre homes e mulleres".
O documento prevé a actuación en catro grandes áreas estratéxicas e propón a realización dun total de 45 medidas, a realizar entre o ano vixente e 2026. A súa duración é outra das novidades, xa que os plans anteriores executáronse en tres exercicios.
No acto de presentación desta folla de ruta tamén participaron o alcalde, Luciano Sobral, e concelleiros do Goberno local, así como a directora do Centro de Información á Muller (CIM), Raquel Morales, e a psicóloga Lidia Fazanes. Precisamente, unha das características deste IV Plan de Igualdade é, tal e como recalcou a propia Silvia Díaz, o seu carácter transversal.
"Todas e todos os membros deste equipo de Goberno estamos comprometidos con avanzar cara a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes, e este documento será a folla de ruta que marque as liñas prioritarias a seguir", subliñou.
O documento foi aprobado por unanimidade na sesión plenaria ordinaria do pasado mes de febreiro. Previamente, a edil de Igualdade xa dera conta do mesmo ante as representantes dos colectivos que forman parte do Consello Municipal da Muller, celebrado este o pasado día 16.
"É necesario eliminar os obstáculos que dificultan ou imposibilitan a participación nas mesmas condicións de mulleres na vida social, laboral, económica, cultural, educativa ou política", salientou a edil do Goberno local, que ten claro que o Plan de Igualdade será "unha ferramenta indispensable e efectiva para continuar avanzando na consecución deste obxectivo".
A avaliación realizada do III Plan constata un grao de cumprimento moi elevado, de máis do 90%, das accións executadas.
O documento contempla varias áreas de intervención, entre as que se inclúen a transversalidade e coordinación institucional, a acción integral contra violencias machistas, a sensibilización e educación para a igualdade, empoderamento e participación social das mulleres e a promoción económica, emprego e organización social corresponsable e sostible.
As actuacións incluirán novas iniciativas, como a creación da Comisión de Igualdade, que estará composta por técnicos e persoal de todos os departamentos municipais, así como tamén a realización doutras accións xa plenamente consolidadas, como as programacións que cada ano se desenvolven con motivo do Día Internacional da Non Violencia contra a Muller (25 de novembro) e o Día Internacional da Muller (8 de marzo), así como as accións formativas, os obradoiros e actividades que se levan a cabo desde o CIM, en colaboración co tecido asociativo e educativo do municipio.
Promocionar modelos igualitarios de xestión da vida familiar, favorecer a conciliación, mellorar a empregabilidade das mulleres, fomentar unha cultura igualitaria, promover o empoderamento e seguir mellorando en cuestións como a atención integral ás vítimas de violencia machista, así como contribuír á eliminación deste grave problema social, son obxectivos que se pretenden acadar co desenvolvemento deste plan.
O plan contará cunha tirada inicial de 100 exemplares. Ademais, tamén estará dispoñible para consulta e descarga en soporte dixital na web e no portal de Transparencia do Concello de Poio.
Relacionadas:
-
Presentan unha web para dar unha "resposta integral" á participación cidadá en Poio
Por Oskar Viéitez |
-
Raxó Verán e Campaverán volverán nos meses de xullo e agosto
Por Redacción |
-
Poio estrea un mural que homenaxea mulleres referentes e precursoras
Por Redacción |
-
Barro reflexionará o 8M sobre a situación das mulleres da man de tres veciñas
Por Redacción |
-
Ángeles Corredoria recoñecida como 'Muller do Ano' en Poio
Por Oskar Viéitez |