Pazos galegos, feminismo ou psicoxeriatría serán obxecto dos próximos cursos da UNED
Por Redacción
A sede da Universidade a Distancia en Pontevedra (UNED Pontevedra), que dirixe Víctor M. González Sánchez, poñerá en marcha para este mes de marzo unha serie de cursos formativos con temáticas variadas.
Deste xeito, analizaranse os pazos galegos, o feminismo na literatura e o cinema en lingua inglesa, así como temas relacionados coa psicoloxía e a psicoxeriatría. Tamén se intensificará a actividade das aulas universitarias da educación a distancia en Vigo, Tui e Lalín.
PAZOS GALEGOS
Desde o departamento de Extensión Universitaria e Actividades Culturais, que dirixe Rafael Cotelo Pazos, poñerase en marcha un curso sobre os pazos de Galicia que ocupará todas as tardes dos luns de 17 a 19 horas entre o 7 de marzo e o 13 de xuño.
Os asistentes a este curso, que terá un custo de 60 euros e unha duración de 30 horas lectivas, poderán realizar dúas visitas culturais, unha ao centro histórico de Cambados e os seus principais pazos e unha segunda ao Pazo Quiñones de León de Vigo e os seus xardíns.
O FEMINISMO NA LITERATURA E O CINEMA EN LINGUA INGLESA
Outro dos cursos destacados para este mes de marzo será o de Feminismo na Literatura e o cine en lingua inglesa, que terá lugar as tardes dos mércores de 17 a 19 horas desde o 9 de marzo ata o 18 de maio. Esta formación será en liña, é dicir, sen ter que asistir ao centro da UNED en Pontevedra e poderá ser seguido en directo ou en diferido, sendo o prezo de inscrición de 40 euros por alumno.
Neste curso farase un percorrido literario a través das obras máis representativas de escritoras angloamericanas e canadenses comezando con Mary Shelly, pasando por Louisa May Alcott, Margaret Atwood ou Toni Morrison, desde unha perspectiva feminista e de xénero. Ademais analizarase outra visión das súas obras por medio do cinema comparando as lecturas orixinais coas versións cinematográficas de cada unha delas.
TEATRO, PSICOXERIATRÍA E COMUNICACIÓN
Outro dos cursos que se poñerán en funcionamento no Centro da UNED en Pontevedra será un "Taller de iniciación al teatro III: La creación de personajes" que ocupará as tardes dos venres de 17 a 21 horas entre o 4 de marzo e o 1 de abril, cun total de 20 horas lectivas e un custo de matrícula por alumno de 40 euros.
A relatora do curso será María Dolores Correa Sobrido, "Lola Correa", licenciada en Dramaturxia e Dirección de escena pola RESAD (Real Escola Superior de Arte Dramática de Madrid). Posúe unha longa traxectoria como docente e directora en teatro infantil, xuvenil e adultos.
Outros temas que abordará a UNED en Pontevedra a través de cursos que comezan no mes de marzo serán os relacionados coa "Psicogeriatría: Psicopatología de los procesos cognitivos en el paciente anciano", "Psicoanálisis y simbología de los cuentos infantiles" asi como outro curso de oratoria e comunicación en vídeo e sobre "El odio y la xenofobia: La otra epidemia", "Cine digital con pocos recursos" ou a "II Jornadas de novela y crimen: perspectivas desde el noroeste".
AULAS DE VIGO E TUI
As Aulas Universitarias de Vigo e Tui inician tamén no mes de marzo diversos cursos como o de "Hacking ético: Explotación de binarios. Exploit. Código informático capaz de aprovechar una vulnerabilidad de software" ou outro de "Oratoria y comunicación persuasiva en vídeo".
En canto ao Aula Universitaria en Tui, a actividade formativa que emprenderá este mes de marzo virará en torno ao curso de "Adolescencia: Estrategias para resiliencia y el autoconcepto", que comezará o 4 de marzo e estenderase, durante 15 horas lectivas, ata o 1 de abril.
Relacionadas:
-
Regresan no outono os cursos de extensión universitaria da UNED con máis de 150 opcións
Por Redacción |
-
O galardoado barista Jaime Rodríguez Trigás impartirá un curso sobre o whisky escocés na UNED
Por Redacción |
-
O Goberno buscará fórmulas de colaboración coa UNED de Pontevedra no seu 50 aniversario
Por Redacción |
-
A UNED conmemora o 8 M cunha conferencia sobre o papel das mulleres no mar
Por Redacción |
-
A UNED fortalece a súa actividade con cursos divulgativos e de preparación laboral
Por Redacción |
-
Conta atrás para anotarse a titulacións e cursos da UNED
Por Redacción |
-
A UNED presenta cursos de verán sobre a relación entre o Camiño e o Islam, a sociedade hiperconectada, filosofía ou o machismo
Por Oskar Viéitez |