Louro dá cabazas a Moreira
Por Redacción
O voceiro dos socialistas pontevedreses, Antón Louro, deu cabazas ao voceiro do PP, Jacobo Moreira, ante a súa invitación a que participase na cadea humana organizada polos 'populares' de Poio e Pontevedra este sábado na ponte da Barca.
O voceiro do grupo municipal do Partido Popular sinalou nun comunicado que "lamenta" que Antón Louro "non sexa capaz de chegar a un acordo" co alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, para a reapertura inmediata da ponte da Barca e "estea a condicionar a súa política no municipio unicamente ao mantemento de tres salarios".
Moreira considera "sorprendente" que Antón Louro, en vez de convencer a Miguel Anxo Fernández Lores e César Mosquera para que abandonen a súa "teima" de pechar a ponte en dirección Pontevedra-Poio "sen razón algunha", teña que pactar coa súa homóloga no concello veciño (Chelo Besada) para que ela dea marcha atrás na súa firme postura inicial, da que asegura que é "coincidente co sentir xeral dos veciños e comerciantes afectados pola controvertida medida".
O voceiro popular mostrou a súa decepción pola "nova mostra de sumisión" de Louro fronte a Lores. "ÿ obvio que antepón os intereses partidistas e a pervivencia do pacto de goberno para seguir tendo tres soldos ás necesidades dos veciños de Pontevedra", sinalou.
O grupo municipal 'popular' fai ademais un chamamento á participación mañá na cadea humana que reivindicará a apertura inmediata da ponte da Barca nos dous sentidos da circulación. A concentración será ás 12.30 horas na ponte da Barca. Jacobo Moreira xa se puxo en contacto con asociacións veciñais e colectivos empresariais para darlles a coñecer a iniciativa.