O ex vicesecretario da Cámara de Comercio gaña o xuízo polo seu despedimento
Por Natalia Puga
O Xulgado do Social número 4 de Pontevedra dictou a primeira resolución xudicial en relación co conflicto aberto na Cámara de Comerio tras os despedimentos de catro dos seus empregados no ano 2012. Fontes do órgano xudicial confirmaron que a xuíza xa ditou sentenza sobre o primeiro deses despedimentos, o de quen foi vicesecretario xeral do ente, Augusto Aláez, e deu a razón ao ex traballador.
O contido concreto da sentenza non transcendeu, pero si que é contraria aos intereses da Cámara de Comercio e que o despedimento de Aláez puido ser declarado nulo.
O vicesecretario xeral da Cámara pedía na súa demanda a nulidade do seu despedimento e unha indemnización económica. O Estatuto dos Traballadores recolle que un despedimento declarado nulo implica a readmisión inmediata do traballador e que se lle abonen os soldos non percibidos durante o tempo en que rompeu a relación laboral, de modo que Aláez debería incorporarse ao seu posto de traballo e, ademais, ser indemnizado.
O propio implicado, consultado por PontevedraViva, descartou confirmar ou desmentir a existencia desta sentenza ou o contido da mesma, pero fontes do propio xulgado confirmaron que se ditou fai xa varios días e xa se notificou ás partes. De feito, informacións ás que tivo acceso este medio apuntan a que a Cámara de Comercio abordará a sentenza nunha reunión nos próximos dias.
A lei establece que un despedimento será nulo cando se realizou por causas de discriminación ou violando os dereitos fundamentais e liberdades públicas do traballador.
O despedimento de Aláez é o primeiro sobre o que hai sentenza, pero a Cámara rompeu o mesmo día a relación laboral con outros tres traballadores: a técnica do Viveiro de Empresas, Cristina Montenegro; o responsable do gabinete de prensa, Mateo Benavides e Francisco Javier Fernández, que denunciara supostas irregularidades na xestión da Cámara.
A Cámara de Comercio de Pontevedra mantivo desde o primeiro momento que nestes catro despedimento respectáronse e cumprido os procedementos legais establecidos nun plan de reestruturación laboral que busca a viabilidade da propia institución.
PontevedraViva púxose en contacto co actual presidente da Cámara de Comercio, Eduardo Barros, pero descartou valorar a sentenza porque "es un tema de régimen interno". Si asegurou que "no repercute en la actividad normal de la Cámara con respecto al empresariado".
Relacionadas:
-
Charo Lorenzo e Gómez Rivera, a xuízo por despedir a tres traballadores da Cámara por represalias
Por Natalia Puga |
-
O primeiro xuízo penal contra a secretaria da Cámara de Comercio, o 13 de xuño
Por Natalia Puga |
-
Aplazado o xuízo por despedimento dun traballador da Cámara de Comercio
Por Redacción |
-
Abertas as dilixencias por acoso laboral na Cámara de Comercio
Por Anxo Lourido |
-
Cambian as cerraduras da Cámara de Comercio tras despedir a catro empregados
Por Alejandro Espiño |