O Goberno non enviará medios propios ao Villa de Pitanxo polas "condicións" da zona e estudará recursos privados
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño
O Goberno español rexeita enviar ao lugar do afundimento do Villa de Pitanxo en Terranova medios propios da Sociedade de Salvamento e Seguridade Marítima (Sasemar) para poder baixar ao buque e buscar aos 12 mariñeiros que seguen desaparecidos ao non reunir as "condicións operativas" necesarias para operar na zona, pero comprométese a buscar outros medios privados que si sexan viables.
Así llo han traslado este xoves o director xeral da Mariña Mercante, Benito Núñez, e o director de Salvamento Marítimo, José Luis García Lena, ás familias dos doce desaparecidos no naufraxio durante unha reunión de preto de tres horas celebrada na Subdelegación do Goberno en Pontevedra ata as dez da noite.
Tras o encontro, ao que tamén acudiron o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones, e a subdelegada do Goberno en Pontevedra, Maica Larriba, as familias quedaron "desgustadas" por esta resposta, pero agradecen a "claridade" dos responsables gobernamentais.
Ao finalizar a reunión, todas as partes implicadas compareceron ante os medios de comunicación para dar conta do seu contido e déronse a coñecer datos como que o buque se atopa a 1.000 metros de profundidade.
Benito Núñez explicou que se descartou o uso de medios propios de España "por condicións operativas", pois "non serven para traballar na zona" por "condicións meteorolóxicas, ondada e mareas".
As características dos buques públicos "imposibilitan que podamos operar con eles, non son alternativa viable e temos que continuar buscando", explicou. E concluíu que "os nosos non cumpren, necesitamos buscar outros", que pasará por buscar en empresas privadas.
María José de Pazo, filla de Francisco de Pazo, un dos tripulantes desaparecidos, explicou, en nome dos afectados, que o Goberno lles trasladou que "se están buscando medidas e medios alternativos para ir ao buque e acceder a el", de modo que decidiron "esperar un tempo prudencial" para que estuden esas medidas.
Benito Núñez concluíu que cren que existe os medios adecuados na empresa privada, pero deben estudalos porque "é unha cuestión que tecnicamente non é trivial".
José Miñones explicou que a reunión serviu para responder as familias unha parte das 18 preguntas que lle trasladaron sobre as circunstancias do naufraxio e a seguridade (estas son), pero algunhas "quedan pendentes" e enviaranlles a información este venres.
Lembrou tamén que a Comisión de Investigación de Accidentes e Incidentes Marítimos (CIAIM) xa iniciou a súa investigación sobre o accidente e realizou xa as primeiras tomas de información do barco, do armador, da tripulación e do Goberno canadense. A próxima semana iniciará unha segunda fase que pasarán pola toma de declaracións.
Neste encontro, o Goberno tamén trasladou ás familias que a Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social ( DGOSS) emitiu un oficio ás mutuas colaboradoras para que poidan solicitar de inmediato as prestacións correspondentes para afectados e familiares sen ter que esperar o prazo habitual de 90 días.
Relacionadas:
-
Os tres sobreviventes do Villa de Pitanxo xa declararon ante a comisión que investiga o naufraxio
Por Alejandro Espiño |
-
Familias do Villa de Pitanxo estudan levar o naufraxio ao xulgado para que "se saiba a verdade"
Por Natalia Puga |
-
As familias esixen coñecer os detalles do naufraxio ao sospeitar que se incumpriron medidas de seguridade
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño & Mónica Patxot |