As familias esixen coñecer os detalles do naufraxio ao sospeitar que se incumpriron medidas de seguridade
As familias dos doce mariñeiros desaparecidos tras o naufraxio en Terranova (Canadá) do barco galego Villa de Pitanxo sospeitan que se incumpriron varias medidas de seguridade que puideron contribuír "en gran medida" a anular calquera posibilidade de salvación para os 21 mariñeiros que pereceron nesta catástrofe marítima.
Así o reflicten nun escrito que presentaron por rexistro na Subdelegación do Goberno de Pontevedra, antes dunha reunión co director de Salvamento Marítimo, José Luis García Lena; o director xeral da Mariña Mercante, Benito Núñez; e o delegado do Goberno en Galicia, José Miñones.
Os familiares dos desaparecidos, ademais de preocuparse da recuperación dos corpos das doce persoas que seguen desaparecidas, quixeron dar un paso máis na súa procura de respostas e esixen coñecer os detalles do sinistro.
O Villa de Pitanxo, antes de afundir, emitiu varias peticións de socorro e por iso as familias das vítimas reclaman coñecer, entre outras cuestións, a que hora se recibiu o sinal de alerta, quen respondeu a el ou que protocolos se activaron.
Entre as súas prioridades tamén está pescudar a que hora tiveron coñecemento do naufraxio os barcos que faenaban na zona NAFO, os servizos de rescate canadenses ou casa armadora do arrastreiro galego e cando chegaron os primeiros medios ao lugar do naufraxio.
Lembran ademais que varios tripulantes tiñan covid-19 no momento do afundimento, sen que consten chamadas aos servizos médicos, ou que a última posición comunicada polo barco data de dúas semanas antes do día do afundimento.
A este respecto, os familiares requiren información meteorolóxica da madrugada do naufraxio, saber onde estaban os outros barcos que traballaban en Terranova ou pescudar as capturas que levaba o Villa de Pitanxo para determinar o peso que tiña o buque.
A estas demandas suman, xa con respecto ao rescate en si, quen eran os falecidos que acompañaban aos tres sobreviventes na balsa salvavidas na que foron achados ou cantos deles levaban posto os traxes térmicos de supervivencia.
Durante este encontro tamén volveron a reclamar o uso de medios "adecuados" de rastrexo e inmersión para pescudar se hai cadáveres dentro do pecio.
Para iso entenden que as autoridades deben aclarar a localización exacta do barco en base as informacións dispoñibles, entre elas os últimos sinais de socorro ou os dispositivos de localización, para así determinar a que profundidade está o pesqueiro.
Lembra que existen "antecedentes doutras prospeccións" e demandan que se estude o envío de medios aéreos, robots tipo ROV ou buques de salvamento con material para facer este tipo de procuras subacuáticas.
Relacionadas:
-
Familias do Villa de Pitanxo estudan levar o naufraxio ao xulgado para que "se saiba a verdade"
Por Natalia Puga |
-
O Goberno non enviará medios propios ao Villa de Pitanxo polas "condicións" da zona e estudará recursos privados
Por Natalia Puga & Alejandro Espiño |
-
Barallan tecnoloxía viguesa par dar un paso máis na procura do Villa de Pitanxo: baixar ao pecio con robots sumerxibles
Por Natalia Puga |
-
"Compromiso firme" do Goberno de "seguir buscando" os desaparecidos do Villa de Pitanxo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot & Diego Espiño |
-
Lamentan que "en ningún momento" explicaran ás familias as causas do naufraxio do Villa de Pitanxo
Por Alejandro Espiño |